Greve no Sergas o 2 e 3 de novembro

Greve no Sergas o 2 e 3 de novembro

Pola recuperación dos acordos retributivos e da carreira profesional.


As organizacións sindicais CIG-Saúde, UGT, CCOO, CSIF, SAE e SATSE anunciaron a convocatoria de greve no Sergas para os días 2 (o inicio efectivo será ás 22:00 horas do día 1, cando comeza a quenda de noite) e 3 de novembro e concentracións previas os días 19 e 25 de outubro. Segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a convocatoria responde á negativa da consellaría de Sanidade e da propia Xunta “a sentar sequera a negociar un calendario para recuperar os acordos retributivos e a carreira profesional”.

 

Abuín denunciou que con esta negativa se condena o persoal do Sergas “non só a ter peores salarios que o resto de servizos de saúde do Estado, senón tamén do conxunto de empregados da Xunta de Galiza”.

 

No ano 2008 as organizacións sindicais asinaron un acordo de equiparación salarial que permitía situar os seus complementos retributivos de atención continuada, polos que se pagan as noites, os festivos e as gardas, na media dos servizos de saúde do Estado español. Ese acordo contemplaba ademais un incremento salarial, en cinco anos, para case igualar o complemento específico co resto de traballadoras e traballadores da Xunta. “Porén eses acordos foron suspendidos tras da chegada ao goberno do PP e a día de hoxe, malia o propio Feijóo asegurar que xa se superou a crise, non hai intención algunha de recuperalos”. 



x