ÁNGEL VALLADARES, SECTOR FERROVIARIO-CGT

“ Hai unha aceleración no desmantelamento e privatización do ferrocarril”

“ Hai unha aceleración no desmantelamento e privatización do ferrocarril”

Esta sexta feira, 28 de xullo, hai greve en Renfe e Adif  convocada en solitario pola Confederación Xeral do Traballo, CGT. Un paro de 23 horas convocado contra a destrución do emprego e a privatización do sector ferroviario. Falamos con Ángel Valladares, responsábel deste sector na CGT galega.


- Que é o que está a pasar no sector ferroviario, en Renfe e Adif  para que CGT decida convocar unha greve?

 

- Pasa o que xa vén pasando desde hai tempo, que en ambas as dúas empresas públicas estanse a externalizar funcións que antes eran propias e iso leva a que o traballo se faga a través de contratas e en peores condicións laborais, en condicións moi precarias. Isto que xa viña pasando desde hai tempo, acelerouse. Ademais, nos últimos tempos, non se produciu ningún avance en determinadas cuestións dos  convenios colectivos. Como sindicato intentamos negociar estas cuestións, fixemos un chamamento ás outras centrais para que as mobilizacións fosen conxuntas mais elas optaron por outra estratexia.

 

- Na convocatoria deste paro de 23 horas tamén facedes fincapé na situación de privatización que se está a dar nun servizo público como o ferroviario...

 

- Estase a levar a cabo desde hai un tempo un desmantelamento progresivo deste servizo público. Vaise aos poucos deixando de facer as funcións para externalizar estas e darllas a empresas privadas. E cando non, baixa a calidade do servizo, temos exemplos claros aquí, como a liña do norte de Galiza, a que vai de Ferrol a Ribadeo, onde vimos que non había trens, non había persoal para o mantemento dos trens e da vía, houbo anulacións de viaxe... Son algunhas das consecuencias de precarizar un servizo público que se debe á sociedade.

Todo este proceso levou a un deterioro do servizo, cuns EREs en Renfe e Adif que levaron a cadros de persoal cada vez máis pequenos. Parte da actividade propia pasa a ser desenvolvida por contratas que contratan traballadores para facer o mesmo traballo en peores condicións.

 

- Cualificades de “abusivos” os servizos mínimos establecidos para esta sexta feira...

 

- Cando se convocan este tipo de mobilizacións a resposta polo Ministerio adoita ser a mesma: establecer uns servizos mínimos que case chegan 90%, o que na práctica é coartar o dereito á greve.

 

- Que compromisos concretos queredes obter das empresas?

 

- Que se desbloqueen as negociacións do convenio, que se fagan os procesos de mobilidade e que se aumenten os cadros de persoal, todo iso no marco de garantir o ferroviario como un servizo público.

 

- Que análise facedes desde CGT da situación do ferrocarril en Galiza e dos proxectos, nomeadamente no AVE, que centran a concepción para o mapa dos camiños de ferro galegos...

 

- Hai pouco publicamos un documento no que analizabamos estas cuestións. Entendemos que ese desmantelamento que hai do sector, ese recorte en traballadores e funcións que se dá no Estado dáse con máis intensidade en Galiza. Ademais, aquí todo o investimento público para o ferrocarril foi para o AVE, co cal as liñas de ferrocarril convencional, que nós entendemos que son máis importantes, que son servizo público, están abandonados. Todo vai para o AVE, que é un modelo de ferrocarril cuxo negocio radica na súa construción, de aí que as grandes construtoras estean a facer o seu negocio. Este modelo de ferrocarril o que vai facer é unir grandes poboacións cun alto custo. Iso é contrario a un modelo de ferrocarril que dea resposta á mobilidade de poboación dentro do territorio, en traxectos máis curtos.

A onde imos? Que por exemplo na Coruña vaiamos estar mellor comunicados con Madrid que con Lugo. E todos os días vexo [traballa na estación de tren coruñesa] que vai moita máis xente a Lugo que a Madrid mais o investimento vai para comunicar con Madrid e nada para facelo con Lugo. Ou sexa, que eses investimentos e ese modelo non vai para o que a xente precisa. Como o diñeiro público non sae do chan, hai que priorizar, pois habería que apostar naquela mobilidade que a xente precisa máis para a súa mobilidade, e non é o AVE.

 

- Coa actual dinámica, cal é o futuro para o sector ferroviario a curto e medio prazo?

- Pois que o sector do transporte de mercancías sexa todo el manexado por empresas privadas, sector privado despois entrarán en cercanías. A Alta Velocidade xa se está preparando para a entrada de empresas privadas, para ser xestionado por capital privado e en beneficio desas empresas. 



x