"Inditex teme que se gañamos a folga de Bershka haxa un efecto dominó"

"Inditex teme que se gañamos a folga de Bershka haxa un efecto dominó"

Falamos con Transi Fernández, da CIG, sobre a greve das traballadoras de Bershka, do grupo Inditex, na provincia de Pontevedra. "Non é doado montarlle unha folga a Amancio Ortega", recoñece, e aponta unha das consecuencias: cero cobertura dos principais meios.


-Após cinco días de greve indefinida recibides unha chamada de Recursos Humanos de Inditex...

-Así é, chamaron desde Barcelona, que querían ter unha reunión. Vai ser probabelmente esta terza feira. Pode haber un acordo ou non. Agora, nós temos claro que esta loita é xusta e se hai que ir a medidas contundentes, vaise. Nestes días conseguimos fechar as tendas de Bershka en Pontevedra, non é ningunha parvada. E iso que este conflito está invisibilizado polos principais medios de comunicación.

 

-Está a ser unha loita que, embora esa invisibilidade, está a ter repercusión...

-É un conflito importante por varias razóns. Primeiro, é un conflito en que hai unha folga indefinida onde está 100 por cento do cadro de persoal parado, secundándoa. Iso é moi importante. As cinco tendas na provincia de Pontevedra non abren desde a quinta feira, están paralizadas, bloqueadas. A xente está como unha piña. Outra cuestión importante é que é unha loita de mulleres, só hai un home no plantel. A pesar dos contratos parciais, das cargas familiares... todo o persoal está a aguantar e a apoiar a folga. É un enorme orgullo.

 

Non debemos perder de vista a importancia desta loita. Porque se Inditex abre a man en Bershka ten medo de que haxa efecto dominó, que no resto das cadeas tamén haxa mobilizacións neste sentido.

 

Outra cuestión importante é que é unha loita de mulleres, só hai un home no plantel. A pesar dos contratos parciais, das cargas familiares... todo o persoal está a aguantar e a apoiar a folga. É un enorme orgullo.

 

 

-Que é o que motiva esta greve en Bershka na provincia de Pontevedra?

 

-É un problema de discriminación. Son cuestións relativas á xornada laboral, pluses e retribucións, mais tamén a permisos e excedencias, lactancia ou vacacións. Denunciamos que 90% do persoal está a tempo parcial, que cobran 130 euros menos que nas demais cadeas do grupo téxtil, que lles obrigan a realizar horas complementarias en lugar de lles incrementarl a xornada, que non poden gozar nin de 14 días de vacacións en xullo e agosto, ou que cos horarios que hai non se pode conciliar a vida laboral e familiar.

 

-Non son peticións que semellen fóra de lugar mais atopades a oposición frontal dun grupo que en 2016 tivo uns beneficios superiores aos 3.100 millóns de euros...

 

-É que creo que é unha cuestión que reborda as nosas peticións. Non son as nosas peticións concretas as que lle preocupen, senón sentar un precedente, Están os departamentos de  recursos humanos de todas as cadeas do grupo presionando cun “non, non, non, non..” [ás nosas peticións].

 

 

-Medo a ese efecto dominó do que falabas hai un momento?

- Claro. O que conseguiron as traballadoras na provincia da Coruña lévanos a nós a pular polo mesmo en Pontevedra. E o mesmo pode pasar nas de Ourense e Lugo.

 

-Non debe ser cousa fácil aguantar unha greve contra o grupo dunha persoa tan significativa como Amancio Ortega...

 

-Non é cousa doada manter unha greve a Amacio Ortega, non. Só hai que mirar a ausencia de cobertura na prensa. É incríbel que, por exemplo, en Vigo levemos 5 días de folga e non haxa nin un xornal nin unha radio que digan algo. Nada! Nin palabra! Levo 30 anos de loita sindical e nunca tal vira. Houbo conflitos laborais de todo tipo, maiores ou menores, etc... mais nunca se deu tal silenciamento: cero cobertura. É un escándalo.

 

 

-E como se racha con ese silenciamento mediático?

 

-Pois procurando outras vías. Por exemplo, na CIG fixemos un pequeno vídeo explicando este conflito. Xa superou as 100.000 visitas. Tiramos das redes sociais, de coñecidos... E a pesar de todo ese silencio mediático, a xente está animada nesta loita, e iso é o importante. A moral alta mostrouse, por exemplo, esta segunda feira na protesta ante a sede de Inditex, en Arteixo.

 

-Houbo accións solidarias coa vosa loita por parte da xente noutras tendas do grupo Inditex...

 

-Si, accións pacíficas de protesta que causan efecto, como a compra-devolución de prendas en tendas do grupo Inditex. Fixémolo o sábado á mañá en Zara e na tarde en P&B. Montouse un pifostio bonito, avisaron apolicía... Mais a acción saíu ben. Un método efectivo para apoiar a loita destas compañeiras. Embora a mordaza da prensa, está a ser incríbel o apoio e solidariedade da xente. Entre quinta feira e sábado repartimos entre a xente 6.000 panfletos. A xente pregúntanos de que vai este protesto, por que non saía nos medios...



x