En Marea leva ao Parlamento galego 40 medidas contra o desemprego

En Marea leva ao Parlamento galego 40 medidas contra o desemprego
Manuel Lago e Luís Villares, en conferencia de imprensa
Manuel Lago e Luís Villares, en conferencia de imprensa  

Manuel Lago defendeu no pleno do Parlamento de Galiza a estratexia de En Marea, centrada en 40 puntos, contra o desemprego. Antes de presentar as liñas fundamentais, Lago sinalou as cifras que sitúan Galiza no peor lugar de todo o estado.


En Marea quere loitar por "sacar Galiza da anomalía na que está instalada”, posto que, din, “é a comunidade con peores dados de emprego. A confluencia considera primordial a posta en andamento dun “un plan propio para Galiza que cambie a dinámica de desemprego”.

 

Desde que o Partido Popular recuperou a Xunta en 2009, 136 mil empregos foron destruídos e 57 mil desempregados sumáronse ás listas do paro. Lago explica que os dados son moi preocupantes pois “a poboación é hoxe menor que hai oito anos” e argumenta que “o desemprego aumentou na Galiza 6,3% mentres que no resto do territorio [do Estado] aumentou 0,4%”.

 

A estratexia presentada por En Marea no Parlamento galego compendia medidas a prol da igualdade salarial, a mellora do Servizo Público de Emprego e a conciliación responsábel. Aliás, apostan en elaborar un mapa da economía irregular en Galiza para detectar a existencia de bolsas fraudulentas e así poder erradicalas.

 

Presenta En Marea así a súa proposta para a creación de emprego, pero “un emprego con dereitos, non precarizado, de calidade, con estabilidade para que todo o mundo poda facer a súa vida”, afirmou Lago.



x