“Menos temporais, máis profesionais”: Por unha oferta pública de emprego no servizo anti-incendios

“Menos temporais, máis profesionais”: Por unha oferta pública de emprego no servizo anti-incendios
Imaxe de en marea
Imaxe de en marea  

Mobilización de CIG e CSIF perante a sede da Xunta de Galiza.


Traballadores do servizo contra incendios da Xunta mobilizáronse esta sexta feira convocados polos sindicatos CIG e CSIF para pedir que se convoque unha OPE (oferta pública de emprego) e denunciar o incumprimento do goberno do Partido Popular no que atinxe a esta oferta do ano 2016 para o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Na mobilización participaron deputados do BNG e de En Marea.

 

As centrais exixen cumprimento do acordo asinado en setembro de 2016 entre a Xunta e os sindicatos sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade onde se recolle a redución da taxa de precariedade ou temporalidade que segundo denunciaron ascende a máis do 40% do dispositivo contra incendios, mediante as correspondentes ofertas públicas de emprego para prazas de persoal laboral, previo a calquera proceso de funcionarización que se puidera acometer neste ámbito.

 

Tamén denunciaron o incumprimento pola Xunta  das súas propias publicacións e  de alimentar a precariedade na propia administración pública, infrinxindo ademais “o compromiso da publicación das convocatorias de oposición a prazas de persoal laboral no SPDCIF”.

 

Agora mesmo forman parte do dispositivo entre 1.800 e 1.900 traballadores, dos que uns 800 non teñen a condición de fixos. De feito, di a CIG, moitos non traballan máis de tres meses en todo o ano o que impide ademais que teñan dereito a cobrar unha prestación por desemprego. Outra parte importante deses 800, traballan un máximo de 9 meses, o que provoca “unha enorme inseguridade laboral e desprotección”.



x