SUSO BERMELLO, NOVO SECRETARIO NACIONAL

"Na CIG ensino non nos pomos límites"

"Na CIG ensino non nos pomos límites"
Suso Bermello
Suso Bermello  Foto: CIG ensino

Suso Bermello (A Coruña, 1965) é xa o novo secretario nacional da CIG ensino, após receber o abrumador respaldo do VII Congreso da federación (144 votos a favor, ningún en contra, ningunha abstención). Toma o relevo dun referente indiscutíbel do sindicalismo na Galiza, Anxo Louzao, e faino con ambición e desde unha aposta inequívoca no traballo en equipa. Ten clarísimo que a transformación social e nacional do país pasa, antes que polas urnas, pola mobilización das traballadoras e dos traballadores.


-Non tes unha certa vertixe á hora de tomar o relevo dunha persoa tan referencial e con tantos anos no cargo como Anxo Louzao?

 

-Si, e ademais non recoñecelo sería unha ousadía. A vertixe nótase pola referencialidade que ten Anxo na federación, na CIG e mesmo en todo o terreno sindical e político do nacionalismo. Esa referencialidade é impresionante. Supoño que a miña vertixe é parecida á que pode sentir o meu compañeiro Paulo Carril ao relevar Suso Seixo e á que nos próximos anos terán que notar outras e outros compañeiros e compañeiras cando esteamos nese relevo xeracional tan necesario por cuestións biolóxicas que temos que ter na confederación. Mais ao mesmo tempo que teño esa vertixe, que a teño e eu creo que é bon recoñecelo, teño tamén confianza porque Anxo, que encabezou o proxecto e que axudou a modelalo nos últimos anos, o certo é que sempre o fixo rodeado dunha equipa de xente, e sempre cun traballo moi colaborativo e, por tanto, sempre moi participado. E iso dáme confianza de que somos unha boa equipa e de que imos traballar en equipa como sempre se fixo. Nen nos sentimos sós antes nen nos sentiremos sós agora.

 

-Asumes a secretaría nacional dunha central que é maioritaria no seu sector, no ensino. Mais supoño que non vos poñedes límites, non?

 

-Non, non, eu ningún. É ben, éo en calquera faceta da vida, non poñerse nunca límites a nada, mais tamén é ben non estar excesivamente obsesionado polos números. Eu creo que o principal factor que a CIG supón no terreno sindical, no ensino público e no ensino en xeral na Galiza, é que é un referente. Somos referenciais para todo. Somos referenciais para a nosa competencia sindical, somos referenciais para o poder político, tamén o somos para os grupos mediáticos que deciden ningunearnos dunha maneira escandalosa que todo o mundo percibe, é algo tan claro que xa é obsceno. Eu creo que esa referencialidade é a que temos que ter como norte. O obxectivo é mantela. Mantela implica ter mellores resultados; temos capacidade para o conseguir. Incrementar a afiliación; temos tamén capacidade para o facer. Somos unha organización ben cohesionada, ben estruturada, e iso evidentemente supón que temos capacidade de mellorar. Desde logo, o que nunca imos facer é poñernos límites. En ningún caso.

 

Somos referenciais para todo. Somos referenciais para a nosa competencia sindical, somos referenciais para o poder político, tamén o somos para os grupos mediáticos que deciden ningunearnos dunha maneira escandalosa

 

-Hai unha cuestión que ten algo de paradoxo. É o feito de que na sociedade galega o PP é un partido moi maioritario, con índices de apoio eleitoral sen parangón no Estado e mesmo na UE, e que, en troca, na comunidade educativa galega se acha nunha posición próxima á residualidade. Que reflexión che merece ese paradoxo?

 

foto 2-Comezando se queres polo final, son residuais a pesar dos intentos permanentes do PP porque non o sexan. A propia dinámica que ten aquí o Partido Popular é moi clara. O intervencionismo directo -falo xa do ensino público, non falemos do concertado ou outros sectores- é total. Todo o papel que está desenvolvendo na aplicación da LOMCE agora, mais tamén durante a etapa Aznar, foi exactamente o mesmo, é dicer, intervir directamente, manipulando, nas comisións de selección de equipas directivas. Esa é unha cousa clarísima. Estamos a percibir agora mesmo unha maior conflitividade nas relacións entre a inspección educativa e os centros e tamén en boa medida nalgunhas equipas directivas. Non en todas evidentemente, pero si notamos un incremento da conflitividade. E iso é pola intervención do PP. E a respeito da sociedade, pois é certo, a ninguén se lle escapa que o PP é un partido cunha organización política potentísima, absolutamente implicada en todo o territorio nacional e que ten unha estrutura de poder impresionante, cun respaldo mediático tamén impresionante, practicamente absoluto. Que iso non se reproduce exactamente igual no ensino? Pois é certo que non se reproduce. No ensino temos de todo. Tamén hai moita xente conservadora. Mais tamén entre a xente conservadora todo o mundo busca unha referencialidade e esa referencialidade é a defensa dos seus propios intereses. E aí nós temos un papel que xogar. E iso evidenciámolo mesmo na etapa do bipartito. Esa foi a mellor etapa do ponto de vista das negociacións e de conseguir melloras sociais, laborais e de calidade de traballo para o profesorado? Si, mais iso non nos impediu tamén ser tremendamente críticos cos erros que se puideron cometer, especialmente agora falamos da Consellaría de Educación, e convocamos folgas e estivemos permanentemente na mobilización. E eu creo que iso a xente o percibe. E a xente ao final o que fai é buscar unha referencialidade sindical que defenda os seus intereses.

 

-Hai neste momento profesoras e profesores que, no ensino secundario, chegan a ter oito aulas e 250 alumnas e alumnos. Iso resulta nunha meia de máis de 30 alumnas e alumnos por aula, a diferenza do que acontecía hai uns anos en que si había desdobres e podía haber 10 ou 15 rapazas e rapaces por turma. Está claro que o pagano desta situación é o alumnado que sofre unha merma na calidade do seu ensino.

 

-Nos 8 anos que leva gobernando Feijóo o retroceso na calidade educativa foi tremendo. A ver, nós como colectivo docente é certo que sofremos unha merma retributiva moi importante e é certo que ás veces dá a sensación de que iso é o que se pon en primeiro lugar -e loxicamente nós como sindicato non podemos obviar que a perda do poder adquisitivo foi brutal, estamos a falar dunha perda de máis de 20 por cento en todos estes anos-, mais é un sentir maioritario do profesorado que a deterioración das condicións en que desenvolvemos o noso traballo resultou nunha merma grave da calidade do ensino que receben as alumnas e os alumnos. O incremento das horas lectivas en secundaria derívase dunha perda de profesorado, e implicou unha perda de calidade. Antes, coas mudanzas introducidas polo bipartito, das 18 horas lectivas, coas reducións por xefaturas de departamento ou por dinamización e coordinación de bibliotecas e actividades extraescolares, acababas tendo 15 ou 16 horas de clase. Iso pasou agora a 20 horas de clase. Un cambio a pior tremendo. A secundaria é a día de hoxe con diferenza a etapa educativa máis conflitiva para impartir docencia, na que con máis crueza se nota o cambio nos currículos escolares e onde o profesorado se tivo que adaptar, a pasos forzados, a todos eses cambios lexislativos. Entón ao final o profesorado está máis vendido que nunca. Hai un tema, que é o das materias afíns, que é un auténtico disparate, non? Ti es un profesor de galego, pero acabas impartindo educación física ou música. Onde está aí a calidade educativa? 

 

Ti es un profesor de galego, pero acabas impartindo educación física ou música. Onde está aí a calidade educativa? 

 

-Mais ti cres que na sociedade en xeral hai conciencia desa deterioración tan grande do ensino que se imparte ás alumnas e aos alumnos na Galiza?

 

foto3

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

-Na sociedade en xeral é probábel que non haxa esa conciencia. Tampouco hai unha difusión entendo eu, sobre todo por parte dos grandes grupos mediáticos, desa deterioración. Máis ben todo o contrario. Os grupos mediáticos máis afíns ao Partido Popular o que poñen sempre de realce son esas innovacións educativas que se producen nos centros, que son importantes, valiosísimas, e que son froito do traballo individual do profesorado, a pesar de todas as eivas da xestión do PP e do goberno da Xunta. É moi positivo que se poña de relevo todo o bon que se fai no ensino público, pero todo o bon que se fai no ensino público é a pesar da Consellaría de Educación. E onde se pode percibir con maior clareza o que acontece no ensino público é naqueles sectores que están máis afectados, alén do profesorado, que é o caso das familias. Eu creo que aí si. De feito, eis temos esa eclosión que aconteceu, real, de pequenos colectivos, que deu como froito á constitución de ANPAS Galegas. Aí houbo un auténtico revulsivo de participación das familias. É certo, non nos podemos enganar, que esa participación de pais e nais sempre foi historicamente máis activa e notoria en infantil e primaria, mais tampouco é menos certo que as campañas que desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público promovemos levaron tamén a que en moitos institutos as ANPAS se organizasen, convocasen charlas informativas, o que resultou, por exemplo, nun boicot masivo de 80 por cento á aplicación da LOMCE, cifras que non se deron con esa dimensión en ningún outro territorio do Estado. O que si hai, portanto, é un sentir xeralizado dos sectores directamente afectados de que a educación non vai ben.

 

-No discurso de clasura do VII Congreso, alertache de que o chamado Pacto Social pola Educación o que persegue é unha maquillaxe da LOMCE e a súa reentrada pola porta de atrás.

 

-Cando comezou toda a campaña contra a LOMCE, utilicei nalgunhas charlas informativos unha foto do scrabble [xogo de mesa]. Entón ti colles o scrabble, colles as siglas, colles esa sopa de letras de todas as leis educativas dende a LOGSE ou a Lei Orgánica do Direito a Educación (LOCE), colles todo iso, e vas cambiando todas as siglas políticas, cambiando do PSOE para o PP, de volta para o PSOE, e despois de novo para o PP, e ves que a estrutura do sistema educativo español se mantivo sempre inalterada. Foron sempre pequenos cambios cosméticos, que se a relixión tiña valor académico ou se non o tiña... lixeiras mudanzas na conformación da comisión que selecciona as direccións nos centros -implantada no ano 94 por aquel ministro do PSOE Pertierra, non hai que esquecer que a elección antidemocrática quen a implanta é o PSOE, logo quen recarga ese carácter antidemócratico é o PP, que lle dá unha maioría abafante aos representantes da administración nesas comisións... Ben, o esencial foise mantendo. Chega Zapatero e restitúe unha comisión de selección que tiña González e con menor participación da administración, mais hai unha comisión, continúa sen haber unha elección directa e democrática decidida en cada consello escolar. Pois todo iso lévao a toda a estrutura da LOMCE e practicamente estamos na mesma. Entón que ocorre? Pois que o Congreso dos Deputados ten hoxe unha conformación de maiorías moi distinta á lexislatura en que o PP dispuxo de maioría absoluta e todas as forzas políticas, a excepción do PP, dixeron que en canto a formación conservadora perdese a maioría o primeiro que farían sería derrogar a LOMCE. Mais que temos en realidade? Pois Rajoy aplicando tácticas dilatorias. E o que vemos é que, polo tremendo rexeitamento social das reválidas, aí si que deron marcha atrás. Mais o resto da LOMCE continúa exactamente igual. Adiando todo a non se sabe que momento e onde vemos xa declaracións mesmo do que foi o auténtico gurú da LOGSE, de Álvaro Marchesí, falando de que a relixión ten que permanecer no currículo escolar. Non sabemos que vai dar de si o panorama político nos próximos meses, pero desde logo creo que aquí [no Congreso] a oposición está a facer un mal papel.

 

O que vemos é que, polo tremendo rexeitamento social das reválidas, aí si que deron marcha atrás. Mais o resto da LOMCE continúa exactamente igual

 

 

 

berme

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

-A alternativa cal é? A intensificación da mobilización?

 

-Si, iso é clarísimo. No discurso incidín moito nese aspecto porque eu creo que é algo que vai moito máis alá do que é propio do panorama sindical ou educativo. Temos que falar de política. Actuar sindicalmente é facer política. Pensar que cuns resultados eleitorais máis ou menos favorábeis a uns sectores sociais ou outros podemos relaxar a mobilización é un erro terríbel. Quizais o panorama político do Estado nos últimos tempos levou a certos sectores a pensar que coas urnas xa chegaba. Estou convencido de que por desgraza eses sectores acabarán no desencanto, mais a primeira consecuencia é que con efeito se está a producir un certo decaimento da mobilización. Iso é un erro. Sen mobilizacións sociais non hai conquistas sociais. As organizacións sindicais que nos sentimos transformadoras, que estamos para actuar e transformar a sociedade, como pensemos que as urnas son as solucións aos problemas entón imos mal. Desde logo hai outras que nen sequera pensan niso, que no único que pensan é nos pactos con aqueles que teñen os votos e iso vímolo perfeitamente na semana pasada con ese acordo ao que se chegou entre varias organizacións sindicais minoritarias na Galiza, un acordo que simplesmente son melloras de xestión das listas e que non recupera ningún dos dereitos perdidos polo persoal interino que leva desde o ano 2010 sen cobrar as vacacións de verán cando traballaron máis de cinco meses e medio e cando o mínimo que se podía pedir, cando se abre a posibilidade de modificar parcialmente un acordo, é que recuperes ese direito. Pois nen sequer iso. Que necesidade teñen de pactar?

 

Pensar que cuns resultados eleitorais máis ou menos favorábeis a uns sectores sociais ou outros podemos relaxar a mobilización é un erro terríbel

 

-Xa para concluírmos, falemos un anaquiño da situación do galego nas aulas. Claramente nestes anos a situación foi a pior. Que obxectivos marcas neste campo?

 

-O noso obxectivo é que a loita pola normalización do noso idioma continúe a ser un elemento fundamental da nosa acción sindical. É lamentábel, mais é unha realidade, que a día de hoxe e no terreno educativo non haxa ningunha organización sindical agás a CIG ensino que poña permanentemente o acento sobre a cuestión do noso idioma. Iso é lamentábel. É certo que hai importantes asociacións, colectivos, a comezar pola Mesa ou a plataforma Queremos Galego, que están a facer un traballo inxente e que vai moito máis alá do terreno educativo. Mais é que nós no ensino temos un problema gravísimo. Eu son realista. Temos uns obxectivos fixados, a derrogación do decreto do plurilingüismo e procurar un consenso para reverter a situación actual. Un consenso que xa foi, con aquel acordo entre a Mesa e as forzas con representación no Parlamento; un acordo que infelizmente acabou en papel mollado... A situación é a que é, o que temos por diante é un proceso de estranxeirización da nosa propia lingua. Hai un recente informe da Mesa en que se fai constar que a día de hoxe nos centros educativos xa hai máis manuais en inglés do que en galego. Ti cando ves a cantidade de diñeiro que vai gastar o goberno da Xunta -70 millóns de euros- para levar o plurilingüismo a infantil e ao bacharelato de aquí a 2020... pois esa cantidade equivale a todo o orzamento en normalización lingüística dos últimos 7 anos. Como pode ser que un goberno dun país normal se dedique a facer grandes investimentos para coñecer unha lingua estranxeira cando o que se está a detectar é que a propia lingua do país está esmorecendo? Cando cada vez máis o inglés e tamén o castelán van gañando terreno a costa do galego!

 

Pensar que cuns resultados eleitorais máis ou menos favorábeis a uns sectores sociais ou outros podemos relaxar a mobilización é un erro terríbel

 

Primeiro, manter como elemento fundamental do debate sindical e político o idioma. E, segundo, conseguir que o decreto do plurilingüismo caía abaixo. Eses son os nosos obxectivos. Dito isto, somos realistas, sabemos contra quen xogamos, coñecemos a maioría absoluta e abafante do PP, sabemos da súa galegofobia, e sabemos que é un inimigo enorme. Mais a nosa presión tamén será enorme.

 



x