"Non sobra ninguén": persoal do Popular-Pastor e Santander mobilízase contra os EREs

"Non sobra ninguén": persoal do Popular-Pastor e Santander mobilízase contra os EREs

CIG denuncias que os sindicatos estatais e a dirección manobran para deixala fóra das mesas de negociación.


Traballadores do Grupo Popular Pastor e do Banco Santander participaron na mobilización convocada esta terza feira na Coruña pola CIG en rexeitamento aos expedientes de despedimento colectivo que a dirección pretende aplicar e que afectarán a máis de 2.100 empregados en todo o Estado. O sindicato nacionalista calcula que as medida de axuste atinxirá unhas 200 persoas no noso país. A isto hai que engadir os postos de traballo das empresas auxiliares do grupo (arredor doutras 200 persoas), "que a día de hoxe quedan a expensas de que se decida en Madrid a súa continuidade".

 

"No banco non sobra ninguén”, subliña Rosa Conde, da CIG, apuntando ao feito de que na rede bancaria fanse "milleiros de horas extras a cotío". En todo caso, matizou, o que se precisaría "sería unha reordenación do persoal para cubrir as necesidades reais das oficinas, pero non despedimentos". "Está claro que o sistema financeiro, unha vez máis, pretende buscar maiores beneficios a conta de sacrificar traballadores e traballadoras que levan unha vida dedicándose a traballar, honestamente, para que agora veñan botalas á rúa", denunciou.

 

Exclusión da CIG da mesa de negociación

 

A representante sindical denunciou manobras de UGT e CCOO durante a última reunión do período de consultas previo, para impedir a presenza da CIG nas mesas de negociación dos EREs. "Coa falta de vontade inclusiva no proceso de negociación por parte do Santander e dos sindicatos estatais, a CIG, a pesar de ter representación no comité provincial da Coruña, será excluída do proceso. Unha vez máis deciden en Madrid o noso futuro sen contar con nós", denunciou Rosa Conde.

 



x