#NonaoEREenExtel é TT no Estado español

#NonaoEREenExtel é TT no Estado español

O HT inzou as redes canda outros como #queremosgalego para rexeitar o despedimento de 205 traballadores na plataforma da Coruña e defender atención no propio idioma.


#NonAoEREenExtel convertiuse na mañá desta sexta feira en tendencia, Trending Topic, no Estado español, ocupando a sexta posición entre os HT máis empregados. Un dato que confirma o éxito da campaña impulsada polas seccións sindicais de Extel na Coruña e da Mesa pola Normalización Lingüística para rexeitar os 205 despedimentos e defender o dereito á atención en galego.

Segundo @trendinaliaES perto de 131.000 persoas poderían ter visto o HT #NonAoEREenExtel desde a súa primeira mención até que se converteu en tendencia. Máis de 320 contas chiaron ese lema.

Esta sexta feira, 14 de outubro, de 10 a 11 da mañá e de 5 a 6 da tarde, coincidindo coa greve convocada en Extel, facíase unha convocatoria a facer chamadas masivas ao 1004 solicitando atención en galego. Ao tempo, solicitábase a todos os internautas unha acción nas redes socias facendo uso dos hashtag #NonAoEreEnExtel #QueremosGalego, etiquetando co HT #1004Responde e @movistar_es.

Extel pretende despedir 205 traballadores no seu centro da Coruña no marco do expediente de regulación de emprego (ERE) que afecta a 355 empregados en todo o Estado. O peso principal do expediente, pois, recae na cidade galega, que soportará o 58% dos despedimentos.

Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. En Galiza, esta deslocalización acompañada de despedimentos agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais. Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2040 postos de traballo, que se manterían en Galiza de existir opción de galego ao ser o persoal de Galiza o mellor cualificado para ofrecelo.