CONTINÚAN AS MOBILIZACIÓNS

"Nos plans de futuro de Citroën en Galiza hai unha pata que non se ten en conta: os traballadores"

"Nos plans de futuro de Citroën en Galiza hai unha pata que non se ten en conta: os traballadores"
manuel dominguez CIG
manuel dominguez CIG  

CIG e CUT convocan sete xornadas de paro en Citroën que se realizarán os sábados de outubro e novembro para denunciar unhas condicións e ritmos de traballo que cualifican como “esgotadores”. Falamos con Manuel Domínguez, da sección sindical da CIG na factoría viguesa.


- CIG e CUT volvedes convocar mobilizacións en Citroën contra a sobrecarga e o abafante ritmo de produción que denunciades que se impón ao persoal, unha cuestión pola que xa vos mobilizarades en xullo, daquela tamén canda CCOO.

 

- En xullo paramos as mobilizacións porque desde a dirección indicaron que estaban dispostas ao diálogo. Pasou agosto, pasaba setembro e nós dixémoslle que non podía ser, que había que falar deste problema. Nós fixemos un estudo dos postos, entregando á dirección unha copia na que lles indicabamos aqueles que entendiamos que estaban sobrecargados. A día de hoxe non tivemos contestación, por certo. Atopámonos cunha negativa a asumir o problema, a tentar atopar unha solución.

 

CIG e CUT analizamos outra vez a situación e consideramos que era oportuno convocar folgas para os sábados do mes de outubro e de novembro. A situación é moi grave. Esa sobrecarga, o sobreesforzo, pasa factura na saúde, ten consecuencias. A dirección ten que tomar medidas xa, corrixindo as altas cargas de traballo, non podemos agardar máis.

 

Chega un momento en que non podes nin levantar a cabeza do coche, non tes tempo nin para respirar...

 

- Os sindicatos denunciades que esas cargas de traballo ‘inhumanas’ pasan factura, tanto a nivel físico como pisocolóxico...

 

- Por suposto. A planta PSA está rexuvenecida, xa non hai ese colectivo de persoas con idades altas que había antes. Porén, e froito de todas estas sobrecargas, unha parte importante do cadro de persoal de montaxe xa empeza a ter problemas de tendinite, de túnel carpiano... Incluso problemas tamén psicolóxicos, por mor das presións e o estrés. Marchas para a casa coa sensación de que non es quen de desenvolver o teu traballo, e coas reformas laborais que se fixeron todo o mundo se pregunta que vai pasar con el se non está á altura do que se lle exixe..Queiras que non, iso afecta, mina por dentro e pasa factura.

 

Fixemos unha enquisa en montaxe e aí os traballadores fixéronnos chegar os seus problemas, que xa non aturaban máis carga de traballo.

 

- A automoción é posta como exemplo de industria 4.0, mais pouco se fala de como o aumento da produción deriva máis de aumento de rirmos a costa de sobrecargas e sobreesforzos...

 

- O volume de traballadores que hai nas liñas de produción a respecto das que había reduciuse moito. E reitero o de moito. Mais os datos de produción aí están, son públicos, e indican que este ano imos rematar no sistema 1 – onde hai un volume de cargas de traballo moi altas- cun récord de produción. Un récord que imos acadar a pesar de que hai moito menos persoal. As consecuencias reverten nos traballadores que quedan e aos que ao final se lles sobrecarga. Ao coche non lle pode faltar ningunha peza, todas se teñen que montar e se agora hai menos traballadores para facelo, teñen que traballar máis. E iso é máis esforzo, máis tensión.

 

A dirección e o grupo están a garantir o futuro desta planta. Pero hai un problema: éncheselles a boca co de que o factor humano é o máis importante mais nese futuro da factoría non se está a ter e conta os traballadores que temos que estar nese futuro. Se continuamos así, moitos dos que estamos agora non sei se chegaremos a ese futuro.

 

Un dos problemas que temos é que nese futuro industrial falta unha pata, que é o futuro dos postos de traballo dos traballadores. E iso é fundamental. Podemos ter a última tecnoloxía, ser a planta 4.0, ser a factoría referencia do grupo PSA Citroën, ter as liñas máis avanzadas e adaptadas ás novas tecnoloxías... mais hai unha pata, que é a dos traballadores, que non se ten en conta. Non se teñen en conta os problemas que vimos denunciando, as sobrecargas e ritmos de traballo... En cuestión de non moitos anos imos ver a verdadeira dimensió de todo isto que denunciamos, ninguén se está a preocupar cos efectos deses niveis de traballo.

 

- Mais dísenos que a automoción é un sector onde as novas tecnoloxías supoñen unha achega fundamental, que axuda aos traballadores, non é?

 

- A nova tecnoloxía implica que ti poidas facer máis. Habería que equilibrar os avanzos e evolucións - tecnolóxicas co desempeño dos postos de traballo. De pouco val que a máquina reduza o tempo que leva determinada función se empregan ese tempo que aforramos para meternos aínda máis funcións e traballos. Chega un momento en que non podes nin  levantar a cabeza do coche, non tes tempo nin para respirar...

 

- A sobrecarga, o aumento dos niveis de traballo é un dos problemas que afronta o sector da automoción mais non é o único. Hai outros, como se ten denunciado desde sindicatos, como a precariedade ou a deslocalización.

 

- O señor Feijóo parece que está máis preocupado pola deslocalización de empresas en Catalunya que porque se nos marchen do noso país. Cando empezaban a marchar do sector de automoción para Portugal semella que non era moi importante. E é algo grave. O que non se pode facer é permitir que unha empresa como é Citroën fomente a deslocalización das empresas porque prioriza a redución de custos. E ao mesmo tempo dáselle a Citroën todo o que pida e máis. Feijóo o outro día ía da man co señor Tavares [director executivo PSA Citroën] a coñecer novos modelos en vez de preocuparse pola situación dos traballadores, que é o que debería preocuparlle.

 

É un problema de calado. Son cuestións que debían estar riba da mesa do goberno, que debía exixir que se cumprisen uns mínimos para dar axudas ás empresas da automoción, uns condicionantes. Non pode ser que o único que interese sexa reducir custos e aumentar beneficios.



x