DENUNCIA DA CIG

Un novo sinistro nas obras do AVE deixa en evidencia as condicións “terceiromundistas”

Un novo sinistro nas obras do AVE deixa en evidencia as condicións “terceiromundistas”
[Imaxe: CIG]
[Imaxe: CIG]  

Enésimo accidente de traballo nas obras do AVE. Desta vez, no tramo de Laza a Cerdedelo, onde un operario resultou ferido de gravidade. A CIG denuncia as condicións “terceiromundistas” en que se desenvolven as obras.


A pasada quinta feira, 30 de novembro, un traballador das obras do AVE resultou ferido de gravidade nun accidente laboral no treito de Laza a Cerdedelo. Un sinistro do que informa a CIG, que alerta sobre a falla de seguridade e sobre as condicións “terceiromundistas” en que se desenvolve o proxecto da alta velocidade galega.

 

O secretario nacional da CIG-Construción, Plácido Valencia, ponde manifesto que “as obras realizadas con diñeiro público volven ser noticia por estar dirixidas máis ao negocio de certas empresas que a prestar servizos á cidadanía”.

 

O sindicato denuncia que o “entramado descontrolado” de UTE e empresas subcontratadas resulta un “cóctel pernicioso” para a seguridade no traballo e para os dereitos das traballadoras e traballadores. Critica, ademais, que “o Goberno do PP, a Inspección de Traballo e a Seguridade Social fan desleixo de funcións e non poñen as medidas precisas para evitar este regueiro de sinistros, por moita denuncia que fagamos”.

 

Diante deste novo accidente, a CIG presentará unha nova denuncia perante a Inspección de Traballo e a Seguridade Social en Ourense para reiterar “a necesidade “non de ir pasear polos túneles do AVE da man das encargadas e encargados e das xefas e xefes das obras, senón de comparecer nesas instalacións a falar coas traballadoras e traballadores con reserva e privacidade para evitar represalias, e investigar con medios profesionais as condicións terceiromundistas das obras do AVE”.



x