O número de persoas afiliadas á Seguridade Social medra menos na Galiza do que no Estado

O número de persoas afiliadas á Seguridade Social medra menos na Galiza do que no Estado
Oficina de Emprego. Santiago
Oficina de Emprego. Santiago  Foto: Natalia Porca

O paro rexistado, en troca, experimenta en termos interr-anuais un mellor comportamento no noso país do que en España.


2017 fechouse con 985.448 persoas cotizantes á Seguridade Social na Galiza. En termos inter-anuais (en relación con 2016) representa un incremento de 21.713 persoas, 2,25 por cento. É un aumento menor do experimentado no conxunto do Estado: 611.146 cotizantes máis, 3,42 por cento.

 

En termos inter-mensais (de decembro de 2017 a novembro do mesmo ano), a comparativa tampouco é favorábel para Galiza. En realidade, no país destruíronse un total de 3.709 postos de traballo (que deixaron de cotizar), 0,38 por cento menos, entanto que no Estado o número de persoas afiliadas aumentou en 42.444, 0,23 por cento.

 

Canto aos dados do paro rexistado -estatística menos fiábel que a EPA, a única tida en conta pola UE-, a evolución das cifras é mellor na Galiza do que no Estado en termos inter-anuais: aquí o número de persoas demandantes de emprego rexistadas diminuiu en 22.706, 10,34 por cento, face o 7,63 por cento de descenso estatal.

 

En troca, saímos perdendo no contraste das cifras inter-mensual: de novembro a decembro, o paro rexistado reduciuse no Estado 2,16 por cento, face só 1,55 na Galiza.



x