ACCIÓN NA TENDA DO CC MARINEDA (A CORUÑA)

Ocupación simbólica de Zara para denunciar a “explotación laboral” nas obras das tendas

Ocupación simbólica de Zara para denunciar a “explotación laboral” nas obras das tendas
Imaxe: CIG
Imaxe: CIG  

Xornadas de máis de 12 horas, encadeamento fraudulento de contratos, desleixo en seguridade laboral... son algunhas das cuestións que denuncia a Federación de Construción da CIG, que fala de abusos laborais nas obras das firmas do xigante téxtil galego


Un grupo de sindicalistas da CIG realizaron na mañá desta terza feira unha ocupación simbólica da tenda de Zara no centro comercial Marineda da Coruña para protestar polo que denuncian que é unha “situación de explotación laboral” nas das diferentes firmas que fan parte de Inditex.. O sindicato explica o seu obxectivo é que as empresas acepten sentar a negociar as condicións laborais que deben regular estas obras.

 

A Federación de Construción e Madeira da CIG explica que  desde a contratista “prémiase”  ás empresas “máis desreguladas, que deben aceptar incumprimentos sistemáticos dos convenios colectivos”. Entre eses incumprimentos cita cuestións como a realización de xornadas de máis de 12 horas – “exceso de xornada que non se recompensa nin remunera”-, o incumprimento dos tempos legais de descanso, o “nepotismo” na contratación, o encadeamento fraudulento de contratos, ou a “relaxación” da vixilancia da seguridade e a saúde, co conseguinte incremento da sinistralidade, renuncia ás vacacións, etc.

 

A isto engaden a obriga dos traballadores de estar en dispoñibilidade permanente “para viaxar en calquera momento a calquera lugar do mundo”, o que provoca que nalgúns casos, afirma a CIG,  o persoal chegue a pasar até seis meses sen ver a súa familia. Ademais, hai casos nos que os traballadores “deben devolver ás empresas os cartos gañados en diferentes países, como xa ten denunciado o sindicato UNIA en Suíza, que contou cunha representou na acción desenvolvida esta mañá pola CIG”.

 

O tecido de empresas galegas que prestan servizos en obras de tendas do téxtil superan o medio cento e dan traballo directo a miles de operarios. “Aparte do dano infrinxido a operarios, só en materia de horas extraordinarias non declaradas á Seguridade Social, a fraude pode acadar proporcións multimillonarias que o sindicato vai pór en coñecemento das autoridades”.  A CIG xa solicitou unha reunión á dirección de GOA Invest, a construtora de Inditex.

 



x