Ofensiva xudicial da patronal española da construción para tombar o convenio provincial de Pontevedra

Ofensiva xudicial da patronal española da construción para tombar o convenio provincial de Pontevedra

O convenio provincial viña de ser asinado entre a CIG e a patronal provincial. O sindicato anuncia que recorrerá a sentenza do TSXG que estima parcialmente esta impugnación, xa que “vén lexitimar un auténtico atentado contra a negociación colectiva”.


A patronal pontevedresa da construción (APEC) e a CIG asinaron recentemente o convenio provincial de Pontevedra deste sector. Un convenio, explican desde o sindicato nacionalista, no que se contemplaba unha mellora en asuntos importantes aos que o convenio estatal non era quen de dar resposta, como o control da temporalidade na contratación. O convenio blindaba tamén a subrogación das actividades de conservación e mantemento de estradas ou vías férreas en aspectos tales coma o mantemento íntegro da antigüidade, algo que o novo Convenio Estatal pon en cuestión, ou doutros en que se mellorou o texto estatal coma permisos e licencias.

 

“Nunca como até agora se manifestou con tal clareza este intento de recentralizar a negociación colectiva”

 

A resposta da patronal española (CNC) foi impugnar este convenio. A CIG xa anuncia que recorrerá a sentenza do TSXG que estima parcialmente esta impugnación, porque “vén lexitimar un auténtico atentado contra a negociación colectiva e senta un precedente moi negativo que poderá ser tomado como referencia no futuro”.

 

A CIG-Construción lembra que as sucesivas reformas laborais deterioraron as condicións laborais e propiciaron un “claro retroceso” na negociación colectiva, priorizando o marco negociador estatal, “centralizando en Madrid a negociación colectiva e impedíndonos acadar melloras nos convenios colectivos provinciais”.

 

Como consecuencia desta situación, que cualifica de “vergoñenta”, dereitos e melloras significativas pactados no convenio após intensas negociacións fican provisionalmente en cuestión.

 



x