O paro rexistrado baixa en Galiza en 7.794 persoas

O paro rexistrado baixa en Galiza en 7.794 persoas

O sector servizos, co pulo do verán, é onde máis baixou. En termos interanuais, o descenso do desemprego en Galiza (6,9%) continúa a ser menor que no Estado (9,4%).


O paro rexistrado baixou  no mes de xullo en Galiza en 7.794 persoas, o descenso máis importante dos territorios do Estado español. A chegada do verán explica en boa medida esta redución, co pulo de hostelería e turismo, dous sectores que están a gañar terreo no PIB e mercado laboral galego. Xa representa 11% do noso produto interior bruto, move en facturación máis de 6.000 millóns de euros e acolle por volta do 12% do emprego. Coa súa cara B: precariedade, temporalidade, baixos salarios... O sector servizos representou en xullo 63% da baixada do paro rexistrado en Galiza.

 

O descenso do número de desempregados a respecto do mes anterior (xuño) foi de 4,1%, moi superior á media española (que ficou en 0,8 por cento). Porén, na comparativa interanual, é dicer, o comportamento do paro nestes últimos doce meses, Galiza presenta peor rexistro. O número de persoas rexistradas no desemprego descendeu en 6,9% mentres que no Estado español fíxoo en 9,4%, dous puntos e medio máis.

 

En xullo asináronse máis de 107.000 contratos laborais, dos que menos de 4.000 foron indefinidos. Así pois, 96,4% dos contratos asinados son temporais.

 

No que atinxe a afiliación da Seguridade Social, esta aumentou en xullo en 16.721 persoas. Na comparativa interanual foi un incremento de 22.625 persoas, 2,3%, mentres que no Estado aumentou en 3,6%. 



x