O paro rexistrado sobe en Galiza o duplo que no Estado español

O paro rexistrado sobe en Galiza o duplo que no Estado español

En setembro o desemprego aumentou en 1,67% por 0,8% de media en todo o Estado. O número de persoas paradas incrementou en todos os sectores agás construción.


En setembro o paro rexistrado aumentou en Galiza en 2.932 persoas, o que supón unha suba de 1,67% a respecto do mes anterior, agosto. Neste mesmo intervalo, o desemprego rexistrado incrementou no conxunto do estado español en 0,8%. Así pois, o aumento foi o duplo no noso país que no Estado.

 

O desemprego en Galiza experimentou un aumento en todos os sectores agás construción. Neste, reduciuse en 483 persoas. Agricultura (con 360 persoas desempregadas máis), industria (305) e nomeadamente servizos (2.616) rexistraron a tendencia contraria, con aumento de paro.

 

No que respecta á afiliación a Seguridade Social, a afiliación no noso país tamén rexistrou un peor comportamento que o do Estado español. Alí a afiliación aumentou en 0,14% a respecto de agosto mentres que en Galiza descendía 0,6. Na comparativa interanual, de setembro do ano pasado a setembro pasado, o número de persoas afiliadas á Seguridade Social subiu 1,9%. Porcentaxe inferior ao incremento que nese mesmo período experimentou a afiliación á S.S no conxunto do territorio estatal: 3,5%.

 

En contratos, en setembro asináronse 96.369, dos cales máis de 88.500 foron temporais.

 



x