Pensións inda máis baixas por un mal cálculo da Seguridade Social

Pensións inda máis baixas por un mal cálculo da Seguridade Social
Detalle dunha faixa do Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG
Detalle dunha faixa do Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG  

A CIG denuncia que na provincia de Pontevedra, desde hai varios anos, sucédense os casos nos que a contía da pensión está mal calculada e sempre por un importe menor 


A CIG vén de denunciar publicamente a existencia de erros no cálculo das pensións na provincia de Pontevedra. O sindicato nacionalista detectou a existencia de discrepancias entre as bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social e as bases reguladoras do cálculo de pensións que fai o Instituto Nacional de Seguridade Social. Unhas diferenzas que, en todos os casos detectados, supoñen contías inferiores ás que correspondería percibir por parte das persoas pensionistas afectadas. 

 

Os primeiros casos detectáronse hai tres anos no Porriño

Os primeiros casos foron observados pola asesoría xurídica da CIG na localidade do Porriño hai tres anos. Malia tratarse de diferenzas pequenas, o sindicato salienta que acaban por reducir os ingresos dos e das pensionistas. “Agardamos que non sexa un novo mecanismo do goberno español para reducir de xeito fraudulento inda máis as xa de por si depauperadas pensións públicas galegas, que ano tras anos se sitúan entre as máis baixas do Estado e que continuarán a caer por causa da reforma imposta polo Partido Popular en 2013 e pola que se está a tramitar na actualidade”, advirten nun comunicado. 

 

O sindicato decidiu facer pública esta denuncia diante da reiteración do problema e diante da falla de medidas por parte do INSS, a cuxa comisión executiva provincial xa puxeron ao corrente. Aliás, darán traslado desta problemática a nivel estatal para urxir unha solución. 

 



x