Piden o indulto para Carlos e Serafín, “exemplos dos dereitos que temos que reconquistar”

Piden o indulto para Carlos e Serafín, “exemplos dos dereitos que temos que reconquistar”

Os sindicatos CIG, CCOO e UGT continúan coas mobilizacións en solidariedade cos dous traballadores condenados a tres anos de prisión por participar nunha greve


Centos de persoas acudiron esta quinta feira a á concentración convocada diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para demandaren o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, reiterou o compromiso solidario da central cos dous traballadores condenados a tres anos de cadea por participar nunha greve. “Estamos convencidos da necesidade de continuar coa mobilización”, expuxo.

 

O sindicalista alertou sobre os “gravísimos efectos” que a aplicación de dita sentenza “inxusta” ocasionaría aos afectados e ás súas familias, polo que ve indispensábel a concesión do indulto. Asemade, sinalou que Carlos e Serafín “son hoxe exemplo dos dereitos que temos que reconquistar” que gozan dun “masivo apoio social e apoio expreso” brindado a través de acordos unánimes polo Parlamento galego, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo.

 

Silencio desde o goberno

 

Perante esta situación, desde a delegación do Goberno en Pontevedra non chegan respostas nin semella que haxa unha vontade clara por abordar a situación dos dous traballadores. As tres centrais convocantes tentaran xa no pasado mes de outubro contactar coa subdelegada do goberno, Ana María Ortiz, e esta sexta-feira volveron entregar unha misiva no organismo estatal para solicitar de novo a celebración dunha xuntanza.

 

“A negativa a atender a organizacións sindicais constitúe unha actitude inaceptábel e xulgamos que volve amosar o talante do Goberno que vostede representa cara a clase traballadora”, afirman no escrito.



Un síntoma dun Estado "corrupto e represivo"

 

Segundo Paulo Carril, esta sentenza confirma “a cruel realidade” do poder xudicial que, en última instancia, serve unha Constitución “que está ao servizo da patronal”. Alén disto, o secretario xeral da CIG indicou que a situación de Carlos e Serafín ilustra “cal é a democracia do Estado español: a da represión policial, política e xudicial, a de negar que existimos e a que fai que o franquismo sen Franco exista”.


Finalmente, Carril recalcou o compromiso valente para continuar coas mobilizacións. “Defender os nosos dereitos como clase non é ningún delito, estarmos organizados, ir á folga ou asistir a manifestacións é un exercicio auténtico de democracia, é exercer dereitos fundamentais, dereitos humanos que a clase obreira conquistou despois de moitas décadas de loita e sufrimento”, rematou.



x