Os recortes salariais ao persoal de seguridade nos aeroportos galegos: 2.250 euros menos anuais desde 2012

Os recortes salariais ao persoal de seguridade nos aeroportos galegos: 2.250 euros menos anuais desde 2012
Interior do aeroporto de Lavacolla
Interior do aeroporto de Lavacolla  Foto: Concello de Santiago

CIG empraza UGT a “recapacitar” e contar cos outros sindicatos e cos traballadores e traballadoras no canto de procurar, din, “rédito sindical” coa convocatoria de paros en Lavacolla e Alvedro.


Desde xuño de 2012 cada vixiante de seguridade nos aeroportos galegos está a perder anualmente uns 2.250 euros, unha perda derivada das medidas e actuacións de “empresas adxudicatarias e AENA” para “tirar abaixo todo o conseguido durante moitos anos de loita, amparándose na escusa da crise". Esta é a denuncia que se fai desde as seccións sindicais  de Prosegur e Eulen. “En cinco anos un total de 11.250 euros menos" por vixiante, remarcan.

 

Uns datos que toman actualidade a raíz da greve no aeroporto de El Prat e da convocatoria de UGT para os aeroportos da Coruña e Compostela. Unha convocatoria que non convence a CIG, que indica que as outras centrais non tiñan coñecemento da mesma e que un só sindicato estea a tomar decisións en nome dos traballadores e traballadoras da seguridade privada dos aeroportos de Lavacolla e Alvedro.

 

Nun comunicado dirixido ao persoal de seguridade privada dos aeroportos de Compostela e A Coruña (servizo que prestan as empresas Prosegur e Eulen), explican que o pasado 10 de agosto, a UGT comunicou a través dos medios a convocatoria de paros pola precarización das condicións laborais. A este respecto, aclaran que,  hai tres semanas, as seccións sindicais das centrais con representación nos aeroportos de Santiago e da Coruña mantiveron un primeiro contacto, “onde se acordou realizar unha nova reunión para unificar as reivindicacións e realizar unha folla de ruta, e na que estaría presentar tamén os asesores dos sindicatos”.

 

Esa xuntanza iría seguida dunha asemblea co conxunto dos traballadores e traballadoras para explicarlles a situación, e na mesma decidiríanse e aprobaríanse  tanto as accións sindicais como as reivindicacións a trasladar ás empresas adxudicatarias: Prosegur e Eulen.

 

En solitario

 

Porén, afirman  UGT "decidiu non contar coas demais forzas sindicais, e toman a decisión de costas aos traballadores/as dos aeroportos e dos demais sindicatos tendo que enterarnos da convocatoria polos medios de comunicación". Fronte a este proceder, convidan a UGT "a que recapacite, procurando o apoio tanto dos demais sindicatos e contando coa opinión dos traballadores/as, e non buscar sacar rédito sindical aproveitando a ocasión".

 

Asimesmo, lembra a UGT a súa responsabilidade por, afirman, non ter defendido previamente os intereses dos traballadores e traballadoras, "ao permitir e colaborar para que as empresas adxudicatarias e AENA tiraran abaixo todo o conseguido durante moitos anos de loita ". E aí afirman que dende xuño de 2012 "cada vixiante de seguridade está perdendo ao ano 2.250 euros.

 

Cómpre lembrar que CCOO e USO rexeitaron tamén a convocatoria de folga do persoal de seguridade nos aeroportos da Coruña e Santiago de Compostela,por convocala " de costas aos traballadores e traballadoras" e pretender "facer campaña publicitaria" a conta dagreve deste mesmo colectivo no aeroporto de Barcelona.



x