16 EUROS POR HORA

A remuneración do traballo na Galiza, á altura do que se pagaba na UE a comezos de século

A remuneración do traballo na Galiza, á altura do que se pagaba na UE a comezos de século

É de 16 euros a hora efectiva. Son 3,3 euros menos que a media española e sete por baixo da europea. No ano 2000 a media europea era 16 euros por hora.


A remuneración por hora efectiva asalariada que percebe un traballador na Galiza está ao nivel da media que se recibía na Unión Europea no ano 2000: 16 euros por hora. Estamos, pois, con máis de tres lustros de retraso a respecto da nosa propia contorna. O que na actualidade percebe un asalariado europeo de media por este concepto son 23 euros, sete euros máis por hora que un traballador en Galiza. A fenda é de 30%. Mais tamén temos fenda coa media do estado español, onde a remuneración por hora asalariada é de 19,3 euros, tamén superior (en 3,3 euros/hora) á retribución na Galiza.

A taxa de variación interanual tamén é moi ilustrativa á hora de tratarmos esta cuestión da remuneración dos traballadores por hora. No 2001 esa taxa era de 6,4 na Galiza; 7,8 no estado e 4,5 na UE. Os dados de 2015 indican ben ás claras o que pasou nestes anos. A taxa de variación está en 2,1 en Galiza; 3,8 no estado e 4,6 en Europa.

Peso dos salarios no PIB

O peso dos salarios no PIB galego caeu en catro puntos desde 2009 mentres que o dos beneficios empresariais aumentou en dous puntos. Unha evolución que dá a volta a achega que fai cada un deles ao produto interior bruto do noso país,. A finais de 2015, os salarios eran 44,4 do PIB e os beneficios das empresas, o 45,5. Sete anos antes, no 2009, cando a crise comezaba a galopar con forza, as rendas do traballo representaban 48,6% e os beneficos empresariais, 43,7%. Unha diferenza de 5 puntos. Agora é só dun e a favor das empresas.

E que significa isto? Que a crise bateu con forza nos salarios e que nestes anos se deu a volta á tortilla, pasando a ter máis peso e aumentar os beneficios. Para alén de situar con claridade quen foi o realmente prexudicado pola crise.

Recentemente, UXT Galiza presentaba un informe que concluía que desde 2007 en Galiza as persoas asalariadas perderon 1.211 millóns de euros mentres que as empresas gañaban 523 millóns. “O traballadores foron os grandes perdedores dunha crise que eles non xeraron e en que as grandes culpables desta situación que se describe foron as reformas laborais e da negociación colectiva”, denunciaban desde o sindicato socialista.



x