ABUSOS DO SERVIZO PÚBLICO DE EMPREGO

“Retíranme un dereito básico como é o do desemprego por unha falta administrativa”

“Retíranme un dereito básico como é o do desemprego por unha falta administrativa”
Imaxe: PXhere
Imaxe: PXhere  

Manuel foi penalizado pola administración coa perda da prestación de desemprego. Unha sanción imposta por non declarar dentro de prazo un ingreso puntual e mínimo obtido mentres recibía a prestación. “Retiráronme o paro e tiven que devolver os tres meses que cobrara”, afirma. Un entre os centos de casos de retirada de prestación que se están a dar mentres Emprego desoe o que dita a xurisprudencia. 


Manuel, nome suposto, é xornalista, oficio no que traballou (e cotizou) durante varios anos. Nestes anos de crise perdeu o emprego e deuse de alta no paro, tendo dereito a 18 meses de prestación por desemprego. Estando no paro, escribiu puntualmente artigos para publicacións. “Pagábanme máis ou menos o que se está a pagar agora na profesión, que non é moito: uns 50 euros por cinco folios”, explica.

 

Por estas colaboracións puntuais emitiu as correspondentes facturas, recibos que non presentou no Sepe (servizo público de emprego) nos 15 días seguintes á súa emisión – tal e como establece a lei-  por descoñecemento. “Un compañeiro que tamén estaba no paro advertiume: tes que comunicar no Sepe esas colaboracións. E así fixen”.

 

"No paro escribin de forma puntual para algunha publicación. O que pagaban? uns 50 euros por 5 folios"

 

Manuel foi até a oficina de paro coa documentación e entregoulla a unha das funcionarias. Eran seis facturas por un importe total que non chegaban aos 400 euros, indica.  “Colleume os papeis e díxome que posibelmente me sancionasen, que podían retirarme o paro” por estar fóra de prazo. Manuel afirma que desas seis facturas, só unha estaba fóra deses 15 días de prazo nos que é obrigatorio poñer en coñecemento da administración eses ingresos puntuais.

 

Notificación

 

Unha semana despois Manuel recibía na súa casa unha comunicación certificada da administración na que se lle notificaba que se lle retiraba a prestación de desemprego e que tiña que devolver a cantidade correspondente aos 3 meses de paro que xa percibira. “Retíranme un dereito básico como o de cobrar paro por unha falla administrativa”, denuncia. Lembra que a prestación por desemprego “non é beneficiencia” nin unha concesión do Estado, “é algo ao que gañei o dereito cotizando”.

 

“Desde hai uns anos hai xurisprudencia suficiente que indica que por un ingreso puntual ou mínimo non declarado non se pode retirar a prestación a esa persoa”

 

O de Manuel é un caso entre centos. O Servizo Público de Emprego (SEPE) está a cancelar as prestacións de desemprego a persoas beneficiarias do mesmo polo feito destas non declarar no prazo legal un ingreso puntual ou mínimo obtido mentres reciben esa prestación. Unha decisión con efectos moi graves (perda da prestación) para a persoa afectada, que en moitos casos non sabe que está a ser obxecto dunha resolución da administración que pode reverter nos xulgados. De feito, aquelas persoas, as menos, que optan pola vía xudicial ven como a xustiza acaba dándolle a razón aos seus intereses.

 

Xurisprudencia

 

“Desde hai uns anos hai xurisprudencia suficiente que indica que por un ingreso puntual ou mínimo non declarado non se pode retirar a prestación a esa persoa”, explica o avogado Alberte Rodríguez Feixóo, que leva varias causas por este motivo. Porén, e a pesar de existir esa xurisprudencia, a administración continúa a retirar a prestación de desemprego cando se dan este tipo de casos. Por que? “Podemos dicir que é como unha especie de rapina”, sinala o avogado lucense, apontando que a porcentaxe de persoas afectadas que van recorrer esta decisión é mínima. “Cantas van ao xulgado? 10, 20, 30%? Gran parte das afectadas non teñen capacidade económica para iso ou nin sequera saben que poden ir á xustiza”. As que non dan o paso, ganancia para a administración.

 

Rodríguez  Feixóo explica que o ‘castigo’ aplicado –perda da prestación- é totalmente desproporcionado á falta cometida. “Non se pode retirar ese dereito a unha persoa por situacións dese tipo”, advirte. Se a contía deses ingresos puntuais fose notábel, superando  o que se percibe por paro, “poderíase retirar a prestación un mes, por exemplo, mais non toda e definitivamente”.

 

Hai, pois, afirma o avogado, “un interese económico detrás [desta decisión da administración de retirar a prestación] que supera o principio de legalidade”.



x