O sector do mar articula a resposta para frear os recortes na súa xubilación

O sector do mar articula a resposta para frear os recortes na súa xubilación
Xabier Aboi intervindo na asemblea de Marín
Xabier Aboi intervindo na asemblea de Marín  

Unha asemblea de mariñeiros en Marín decidiu crear unha comisión coordenadora. Haberá máis asembleas estes días en diferentes portos galegos.


A dirección xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento, modificou os coeficientes redutores da idade de xubilación, unha decisión que prexudica os numerosos mariñeiros galegos da flotas conxeladoras como as do palangre e do arrastre. Denunciouno hai unhas semanas a CIG-Mar, que considera que estamos perante o que se pode cualificar como “o maior recorte social na historia da pesca galega”. O sindicato anunciou daquela que impulsaría a vía de presentar mocións nos Concellos e unha iniciativa no Parlamento galego para reclamar a retirada da orde interna da Mariña Mercante. O BNG será o grupo político que tramite as mocións.

O sector do mar comeza pois a dar pasos para mobilizarse. Nunha asemblea en Marín, os mariñeiros afectados decidiron a posta en andamento dunha comisión coordenadora. Non é a única asemblea. A Guarda, Celeiro e Burela son portos onde van decorrer estas xuntanzas.

Xabier Aboi, de CIG-Mar,  anunciou que a asesoría da CIG está a preparar unha reclamación colectiva (xa hai algunha individual) en defensa dos milleiros de afectados galegos. A dirección xeral da Mariña Mercante modificara mediante unha orde interna os coeficientes redutores da idade de xubilación, Uns coeficientes que son un dereito social que teñen os mariñeiros e outras persoas con profesións especialmente duras ou de risco, como poden ser tamén os mineiros e que lles permite adiantar a idade de xubilación.