Seguimento total na primeira xornada de greve en Nueva Pescanova

Seguimento total na primeira xornada de greve en Nueva Pescanova
Greve Pescanova
Greve Pescanova  

Sindicatos afirman que o 100% do cadro de persoal secunda a protesta contra o bloqueo das negociacións do convenio. Nutrido despregamento policial en torno ás factorías de Porriño e Chapela.


A primeira xornada de greve convocada polos sindicatos CIG, CUT, UGT e USO contra o bloqueo do convenio está a ter un seguimento do 100%, segundo as propias centrais. Un numeroso grupo de traballadores, ademais, concentrouse a primeira hora ás portas dos centros de traballo que o grupo de alimentación ten no Porriño e Chapela.

As mobilizacións da mañá estiveron vixiadas por un importante despreguamento da Policía española, especialmente nas inmediacións da fábrica de Chapela, á que unicamente accedeu persoal de oficinas. Neste punto concentráronse a maioría dos traballadores. No caso do Porriño a presenza de axentes -neste caso da Garda Civil- foi menor.

O seguinte día de paro está fixado para o vindeiro martes 21. A intención das centrais sindicais é que a partir do 3 de abril pase a ser indefinido no caso de que non se chegue a un acordo para a renovación dun convenio colectivo que as partes negocian dende hai xa máis de 10 meses.

“Coa folga queremos deixar claro que non imos permitir a precarización salarial e laboral en Pescanova” afirmaba hai uns días Suso García, da CIG. “A empresa quere modificar toda a estrutura de categorías, quere crear o que eles chaman un novo grupo de entrada, cunha rebaixa importante, tanto a nivel salarial (nalgunhas categorías un 30 ou 40% menos) e incluso a nivel de xornada, con dispoñibilidade case absoluta, de luns a domingo. Nós evidentemente non imos consentir iso”.



x