Segunda xornada de greve cos tribunais paralizados

Segunda xornada de greve cos tribunais paralizados

Acumúlanse centos de xuízos suspendidos mentres desde o goberno galego non hai ningún movemento para reactivar a negociación.


Segunda xornada de greve para os 2.500 traballadores e traballadoras da administración de xustiza en Galiza e o seguimento volveu ser masivo, ao igual que no primeiro día, segundo os sindicatos. É dicir, por riba de 90%. “Como na primeira xornada, o paro é case total”, indica a Sermos Galiza Pablo Valeiras, un dos portavoces da plataforma sindical que convocou o paro indefinido que arrincou este 7 de febreiro.

 

Na primeira xornada suspendéronse por volta de 700 xuízos e miles de trámites non puideron realizarse. Unhas cifras que se repetirán neste segundo día de greve. “Aínda se están a suspender máis xuízos que onte”, indica Valeiras. Son xa varias as voces que advirten do risco de “colapso”, e indican que hai xuízos que xa se aprazan até abril.

 

E mentres se dá este escenario, desde o goberno galego non se dan pasos para retomar as negociacións. “Nada de nada”, confesa Valeiras á pregunta se desde a Xunta se puxeron en contacto con eles desde o inicio da greve.

 

Os sindicatos lembran que “isto non é unha reclamación económica, esta é unha reclamación contra a discriminación que temos os traballadores da xustiza galega fronte ao resto de traballadores da xustiza no Estado. A día de hoxe, os traballadores da xustiza galega estamos discriminados a nivel sanitario fronte a maxistrados, fiscais, secretarios. En baixas por gripe, varicela ou sarampelo eles non teñen ningún tipo de desconto e a nós descóntannos 50%. Pero os traballadores dos outros territorios do Estado tampouco teñen descontos pola gripe. Nós si”. 



x