O verán, bo tempo para a precariedade

O verán, bo tempo para a precariedade
M. Arrazola
M. Arrazola  

No verán soben as temperaturas e baixan as listas de persoas rexistradas no desemprego. O descenso estacional do paro na Galiza coa chegada de vacacións (verán, semana santa...) indica que o turismo é cada vez máis un alicerce de peso no seo da economía galega. Xa representa máis do 11% no conxunto do PIB de Galiza. Un sector que xera beneficios e ganancias que non chegan a gran parte das traballadoras e traballadores, nunha situación de precariedade. Publicamos un extracto da reportaxe recollida no semanario Sermos Galiza 256.


O de camareira ou camareiro é un emprego con demanda nas Rías Baixas tan pronto comeza a achegarse o verán. Este ano non é unha excepción. Concellos como Sanxenxo, O Grove ou Cambados figuran entre os municipios onde máis contratos se asinaron no pasado mes de xuño. Refórzanse os cadros de persoal de todo canto estabelecemento haxa. Mais son traballos duros. Recoñecíao Juan Suárez, que ten traballado de camareiro en xullo e agosto en lugares como Sanxenxo, O Grove e Cambados. "Nalgún sitio teño currado seis días á semana, de once da mañá a unha da madrugada con pausa dunha hora, como moito, para comer. E o salario aínda non chega aos mil euros. Iso si, os xefes dicíanche todos cheos que a clientela daba boas propinas. O contrato, a media xornada, por suposto".  Aínda así, Suárez sostén que mesmo para traballar na hostalaría "hai sitios peores".

 

8O traballo nos locais de praia na Galiza vai a máis a medida que, a cada verán que pasa, o número deste tipo de instalacións vai en aumento. De feito, e en canto a ‘chiringuitos’ de praia, a comunidade ‘Playea’ sitúa Galiza como líder no Estado español, con máis de 260 destes tipos de estabelecementos, por diante de Andalucía e Catalunya, que teñen por volta de 250 cada unha. Un 30% dos areais galegos conta con ‘chiringuito’ ou quiosco de praia.  "Trabállase desde que chega o primeiro cliente até que marcha o último", recoñecen no areal do Bao, na Arousa. "Antes era un traballo moi de familia, con todos a botar unha man porque son moitas horas. É dicir, que iso de salario,contrato e tal... pois que non. Mais cada vez máis cóllese xente, e o soldo para as horas que mete é baixo, non imos dicir o contrario".

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 256 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x