O xulgado declara “ilegais” os servizos mínimos decretados pola Xunta na greve do 112

O xulgado declara “ilegais” os servizos mínimos decretados pola Xunta na greve do 112
Imaxe: CIG
Imaxe: CIG  

Para o comité, a administración debería adiar o traslado do centro, “recuperar o sentido común e sentar a negociar cos traballadores”.


O xulgado declarou “ilegais” os servizos mínimos do 100% que a Xunta de Galiza decretou para o 112 e aceptou os propostos polo comité de greve, do 60%. Para o comité de empresa, a decisión xudicial debería servir para que a administración adiase o traslado á Estrada e sentase cos traballadores para procurar “unha saída ao conflito que a propia Xunta creou”.

Porén, empresa e administración manteñen, afirmou, a decisión de facer o traslado das emerxencias na noite do 18 ao 19 de abril, unha decisión que o cadro de persoal considera “temeraria”, tanto por estar o persoal en greve, como porque “os problemas que o comité de empresa vén denunciando desde hai máis de dous meses, aínda non foron solucionados”.

Lembran que a plataforma informática que entra agora en funcionamento continuaba a dar  “erros graves” e que “isto podería disparar os tempos de resposta e mobilización dos recursos necesarios para atender coa máxima eficacia as emerxencias que puideran xurdir”. Denuncia, ademais, que é “neglixente” comezar a traballar deste xeito e advirten que “o que está en xogo son vidas humanas”.



x