A Dirección Xeral de Patrimonio consente a degradación do labor da arqueoloxía de xestión

A Dirección Xeral de Patrimonio consente a degradación do labor da arqueoloxía de xestión
Comparecencia conxunta de CIG e AEG
Comparecencia conxunta de CIG e AEG  
Cada vez son máis as empresas e mesmo administracións que contratan persoal en precario para as intervencións arqueolóxicas. A Deputación de Pontevedra, segundo denuncia a CIG, mesmo chegou a botar man de  persoas en paro sen experiencia profesional no sector

As empresas dedicadas á arqueoloxía de xestión están a sufrir os efectos non só da crise senón tamén da desregulamento do sector. Cada vez son máis as contratacións que se fan por baixo das condicións estabelecidas no convenio colectivo, e sen cumprir cos criterios mínimos de calidade. A CIG e a Asociación Galega de Empresas de Arqueoloxía veñen de denunciar, nunha comparecencia conxunta, o deterioro das condicións nas que exerce o sector.

Desta situación, afirma a CIG, a propia administración é cómplice. A Deputación de Pontevedra chegou a botar man de persoal non profesional desempregado para intervencións arqueolóxicas. Dende concellos e deputacións, asegura dende AEGA Andrés Bonilla, estanse a realizar contratacións sen ter en conta o establecido en convenio colectivo e obviando os criterios de calidade. O sindicato nacionalista insiste na responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio, a quen lle compete velar pola calidade das intervencións, ao permitir que se degrade o labor da arqueoloxía a través da actuación de empresas que pactan condicións económicas á baixa.

En 2009 foi asinado, entre CIG e AEGA, o que sería un dos primeiros convenios colectivos do Estado no ámbito da arqueoloxía de xestión, de cara a regular as relacións laborais dun sector por aquel entón xa moi precarizado e  estabelecer así mesmo uns mínimos de calidade. Das 25 empresas que entón conformaban AEGA, cinco delas tiveron xa que pechar. Mais a precariedade das condicións nas que traballa o sector non é só un problema laboral, senón do patrimonio colectivo de toda a cidadanía, canto que se está a reducir a propia calidade das intervencións sobre o mesmo.

Dende AEGA mantiveron xa varias reunións coa Dirección Xeral de Patrimonio nas que solicitaron, deste sector da administración que se encarga de aprobar as intervencións sobre o patrimonio, o incremento dos baremos de calidade nas intervencións.



x