Saltar ao contido
13:25 h. Quinta feira, 18 de Decembro do 2014

Vota:

Uns humoristas “bos e xenerosos”

A AELG distingue a Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro como expoñentes da xeración que protagonizou a segunda idade de ouro do humor gráfico galego.
Olaia Rodil Fernandez
Siro
Siro

 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acaba de conceder a súa distinción “Os Bos e Xenerosos” aos humoristas gráficos da xeración de Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e mais Pepe Carreiro, que, en palabras do presidente da agrupación, Cesáreo Sánchez, “trasladaron uhna imaxe crítica e lúcida da nosa sociedade en galego”.

A distinción “Os Bos e Xenerosos”, que chega á súa décima edición, supón, segundo a AELG, “un acto de estudo e recoñecemento dunha figura ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión da nosa cultura”.

En efecto, a xeración destes cinco humoristas protagonizou a que podemos chamar sen medo a esaxerar “a segunda idade de ouro do humor gráfico galego”, logo da primeira e xenuína, a desenvolvida antes da Guerra Civil por Castelao, Maside, Cebreiro, Vidales Tomé e tantos outros. Foi entón cando Castelao creou propiamente o humor gráfico galego, galeguizando a caricatura modernista do noruegués Gubralsson e outros debuxantes da revista alemana Simplicissimus.
A Guerra Civil rachou con esta farturenta tradición e deu lugar a unha longa travesía no deserto de máis de tres décadas. Nese tempo de cativez salientaron só algúns nomes excepcionais como Atomé, que colaborou en El Ideal Gallego ata a súa morte en decembro de 1974, ou Quesada, que se xubilou en 2011 logo de colaborar durante 50 anos en Faro de Vigo.

Contra 1970 debutan no humor gráfico Siro e Xaquín Marín. Fano en Chan, a revista en galego que dirixía en Madrid Raimundo García Borobó. É entón cando comeza, aínda que timidamente, o rexurdimento do humor gráfico galego, que se confirmará nos anos 80 e 90. O I Seminario Galego do Humor, celebrado o 26 e 27 de xuño de 1982 no Laboratorio do Castro, en Sada (A Coruña), baixo o maxisterio de Isaac Díaz Pardo, pódese considerar o punto de partida da segunda idade de ouro do humor gráfico galego. Medio ano despois, a comezos de 1983, Siro e Xaquín Marín puñan en marcha unha campaña a prol do humor que percorrería toda Galicia durante dous anos. Os seus eixos eran unha exposición conxunta de viñetas e un Manifesto en defensa do humor que pretendía chamar a atención de sociólogos, críticos de arte, entidades culturais e medios de comunicación sobre o descoido que o humor, gráfico e literario estaba a sufrir nos últimos anos en Galicia.

O Manifesto deu un forte ánimo ao xénero e desencadeou, en certo xeito, a chea de acontecementos felices que viviu nos anos 80 e 90: a contratación xeralizada na prensa diaria de humoristas galegos que escribían en galego, a celebración dos encontros de humoristas, a publicación das primeiras revistas de humor e a fundación do Museo de Humor de Fene, o primeiro de España das súas características, e aínda hoxe o único.
Os encontros de humoristas galegos foron sete, incluíndo o de Sada e un derradeiro en Vigo, o I Salón de Primavera e Simposio de Humoristas, organizado polo Concello en maio de 1989. Mais cando se fala dos encontros de humoristas pénsase nomeadamente nos cinco que tiveron lugar entre 1984 e 1988 no Condado co respaldo da Sociedade Cultural e Deportiva. O primeiro foi no Castelo de Vilasobroso (Mondariz) en maio de 1984, e os catro seguintes desenvolvéronse en Salvaterra do Miño (1985, 1986 e 1988) e no Porriño (1987). 

Entre 1983 e 2000 publicáronse tres revistas de humor que hoxe son clásicas. Can sen Dono, cuxo proxecto fora presentado no I Seminario Galego do Humor de Sada, naceu en marzo de 1983. Editáronse 27 números ata abril de 1991, en dúas etapas. Ao seu fronte figuraban Pepe Carreiro e Gogue. Xó! saíu á rúa por primeira vez en outubro de 1993. Editáronse 39 números en dúas etapas, ata marzo de 2000. Picho Suárez figuraba como director, mais Pepe Carreiro volveu ser a alma mater. Era unha revista satírica, máis tendenciosa que Can sen Dono. A terceira chamábase Sapoconcho e era o boletín do Museo do Humor de Fene. Editouse entre 1984 e 2000. O Museo foi inaugurado o 25 de novembro de 1984 co apoio do Concello. Dirixido por Xaquín Marín, celebrou unhas xornadas do humor todos os anos e convocou ata 2007 os Premios Curuxa. Marín deixou de ser o director en 2008. Desde entón, a actividade do museo decaeu.
Tras a desaparición destas tres revistas, o eido do humor gráfico en Galicia non ficou ermo de todo, pois Siro creou en xuño de 2000 Xatentendo.com, que saíu durante un ano como suplemento semanal de La Voz de Galicia, e Guillermo Rodríguez sacou á rúa en xaneiro de 2001 O Farelo como suplemento mensual do xornal comarcal A Peneira, editado no Condado. O Farelo estaba coordinado ao principio por Pepe Carreiro e durou case que unha década.

Na segunda idade de ouro do humor gráfico galego podemos distinguir tres grandes xeracións de debuxantes. A primeira estaría representanda por Siro e Xaquín Marín, nados ambos os dous en 1943. A segunda protagonizaría Xosé Lois, que naceu en 1949. Na terceira atopamos unha serie de humoristas vindos ao mundo ao redor de 1953, como Gogue (1953) e Pepe Carreiro (1954), mais tamén Chichi Campos (1952), Nachortas (1954) ou Calros Silvar (1954).
Siro é, quizais, o humorista que máis se empeñou en vincular ao humor gráfico galego coa tradición iniciada con Castelao, ao que estudou pormenorizadamente e co que foi comparado nos seus inicios. Tras traballar durante 30 anos como humorista gráfico e caricaturista político en La Voz de Galicia, retirouse do oficio en 2006 para centrarse na pintura e no ensaio. Na radio dirixiu o programa Correo, Carmela, que chove.

Xaquín Marín está considerado o pai do cómic galego xunto ao desaparecido Reimundo Patiño, co que en 1975 publicou o libro Dúas viaxes. Como humorista gráfico colaborou en La Codorniz antes de incorporarse á prensa diaria galega, primeiro en El Ideal Galego (1975) e logo, desde 1988 ata a actualidade, en La Voz de Galicia. É o pai de personaxes como Gaspariño ou Isolino. Marín non é só un dos mellores e máis internacionais humoristas gráficos galegos dos últimos corenta anos, senón tamén e sobre todo, como di o propio Siro, “o grande innovador do humor gráfico galego desde Castelao, aínda que a súa achega resulte tan persoal que non posibilite a aparición de continuadores”. O mérito de Marín consiste en ter transformado “a caricatura modernista alemá, galeguizada por Castelao, dotándoa dunha forza e solidez que fan recordar ou mellor das nosas artes románica e barroca”.

Xosé Lois e Gogue acadaron algo verdadeiramente insólito: que ao seu personaxe principal teña unha estatua de seu. A do Carrabouxo (o personaxe que Xosé Lois leva debuxando en La Región de Ourense desde hai 30 anos) foi feita por César Lombera e está desde 2002 no ourensán Parque de San Lázaro. Pola súa banda, Floreano (ao que Gogue debuxa en Faro de Vigo desde 1989) foi inmortalizado en bronce por Lucas Míguez na Praza de Arriba do Grove. A estatuta inaugurouse en xullo de 2011. Xosé Lois é un dos humoristas gráficos galegos que mellor domina o xogo de palabras, mentres que Gogue é un excelente caricaturista, cunha gran reputación nos Estados Unidos, onde colabora en diversas publicacións.

Pepe Carreiro é un dos humoristas gráficos galegos máis críticos das últimas décadas, como mostrou en La Voz de Galicia, El Mundo (Galicia) ou Xornal de Galicia. Unha crítica que acabou por pecharlle as portas dos diarios. “Hoxe en día estou apartado dous medios precisamente pola censura”, di. “En revistas si estou publicando, pero agora éme practicamente imposíbel publicar en diarios, porque o que queren é xente dócil, que divirta un pouco, que conte o chiste do día e non se meta en máis problemas”. Nos últimos anos centrouse na ilustración editorial e o cómic, con series como “Os Bolechas” e “Os Barbanzóns”, de grande éxito entre o público infantil.

 Chichi Campos foi un dos máis intelixentes e prolíficos humoristas galegos, cheo de enxeño e ironía, mais a seu prematura morte en 1991, cando apenas tiña 38 anos, privou a Galicia do mellor da súa carreira. Cofundou a principios dos 70, con Xosé Díaz Arias e Luís Caparrós Esperante, o grupo de cómic do Castro. A súa obra dá testemuño humorístico (subversivo e irreverente) da transición á democracia e dos estamentos político, económico, relixioso e militar da época.

Aínda que todos eles seguen en activo, agás Siro, a época que encarnan estes cinco humoristas “bos e xenerosos” seica rematou contra 2000, coa madureza dunha nova xeración de humoristas que desde entón colaboran acotío na prensa diaria galega (Pinto e Chinto, Leandro, Kiko da Silva, Aguilera, Davila, Santy…). Se cadra, este feixe de debuxantes poderían ser denominados a Xeración de Retranca porque a meirande parte deles coincidiron na revista dese nome editada por Da Silva entre 2007 e 2011. Hoxe está en stand by á espera de que se solucionen os problemas coa distribuidora que a fixeron parar.

**Félix Caballero é autor do libro ‘O humor en cadriños’ (Morgante, 2012) no que conversa con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro, e recolle unha escolma das súas viñetas