A banda que traduciu unha obra do galego porque en Vilagarcía non entendían

A banda que traduciu unha obra do galego porque en Vilagarcía non entendían
Suso Nogueira, director da Banda de Vilagarcía
Suso Nogueira, director da Banda de Vilagarcía  
O programa do concerto de fin de ano da Banda Municipal de Vilagarcía incluía Strauss e “unha sorpresa”. A banda ía interpretar canda o Coro da Escola Municipal a obra “Os heroes do Orzán” mais traducida ao español para que, segundo afirmou o director, “se entendera mellor”. O debate será levado ao próximo pleno

A páxina web da Banda de Música Municipal de Vilagarcía conserva aínda o convite ao concerto de fin de ano que ía ter lugar o día 30 de decembro. Anuncia que o programa incluirá pezas de Strauss e “unha sorpresa”. Ninguén sabía de que se trataba mais ía ser maior do agardado. A Banda, canda o Coro da Escola Municipal, ía interpretar a peza “Os héroes do Orzán” de Antón Alcalde nunha tradución ao español para que, segundo afirmou despois o director Suso Nogueira, “se entendera mellor”.

A concelleira e voceira municipal do BNG, María Villaronga fala de “atentado contra a nosa lingua” e lamenta as declaracións posteriores do director Suso Nogueira ao xustificar o feito para buscar queu a obra se entendera entre o público. “Entre outras cousas, secundariza a nosa lingua xa que afirma que noutros concertos si emprega o galego máis neste que era máis relevante ao ser o de fin de ano non o fai” defende María.

O concelleiro que defende o galego en español

Mália a actuación da banda, o concelleiro de Cultura, Francisco González non mostrou ningunha oposición á actuación da banda, ben ao contrario defendeu a “autonomía” da agrupación musical para xustificar o acontecido. Sen embargo, Francisco González (PP) ten demostrado no tempo que leva no cargo unha actitude reacia cara a nosa língua, mália ser o responsábel político da área de normalización lingüística no Concello. “Intervén nos plenos en castelán e mesmo se nega a cambiar de lingua cando se lle indica e se lle lembra que é tamén concelleiro de normalización lingüística. Polo que vemos, e non nos resultou raro, está de acordo coa decisión” comenta María Villaronga ao tempo que anuncia que o tema será levado ao próximo pleno.

 

 

 



x