As revelacións musicais de Granell trunfan en Cuba e sorprenden a América

As revelacións musicais de Granell trunfan en Cuba e sorprenden a América
 Vargase Pinheiro recollendo o premio
Vargase Pinheiro recollendo o premio  

Unha das máis relevantes “revelacións” na música contemporánea está a ser descuberta e aplaudida tamén en América. As “Miniaturas Musicais de Eugenio Granell” veñen de recibir o premio especial Cubadisco 2013, o máis importante de Cuba. O sábado 25, ás 21 horas soarán en concerto no Teatro Principal de Pontevedra. 


Que Cuba é un país de música nótase na súa historia, na tradición, e en que para o país, os seus artistas son parte do patrimonio nacional. Que un disco producido en Galiza acade o premio especial Cubadisco 2013 con artistas como Omara Portuondo ou Ernesto Lecuona é unha miragre que veñen de protagonizar as “Miniaturas Musicais de Eugenio Granell, Música Revelada, dirixido por Alejandro Vargas na súa parte musical e con Ramón Pinheiro como director artísticos. Vargas e Pinheiro recolleron o sábado 18 o premio na Habana. 

O disco saíu en decembro e, despois dos concertos da Coruña e Santiago, chega este fin de semana a Pontevedra nunha xira que está a causar tamén sorpresa pola súa singularidade e calidade. 

Desde a Habana, Ramón Pinheiro vive con entusiasmo o calor co que foi recibido o traballo en Cuba. “Os premios Cubadiscos son unha cuestión de Estado. Alejandro e eu imos paseando polas rúas e a xente párase a falar porque o acto de entrega foi transmitido pola televisión. Gañar este premio nun país no que a música é marca nacional é sorprendente” comenta aínda con sorpresa polos efectos do premio na capital cubana na que Alejandro Vargas é especialmente coñecido pola súa traxectoria musical. 

O prestixioso premio está a levantar interese polo traballo musical creado sobre as partituras e anotacións de Granell e así estanse a pechar algúns acordos para que o espectáculo xire polos países americanos polos cos que o artista tivo relación na súa biografía. Costa Rica, Guatemala ou República Dominicana son algúns dos países nos que Granell deixou fonda pegada e recoñecen a calidade e a solidez deste artista que visitou as artes plásticas, o cine, a literatura e tamén a música. O obxectivo sería trazar a “ruta Granell” cunha xira que levara o espectáculo polos países nos que se desenvolveu o seu exilio americano. 

“Estudou violín de moi novo e agora estamos coñecendo a súa intensa relación coa música. Por exemplo, por testemuñas saben os que nas Xeiras de Ultreia despertaba co violín aos participantes. No fin dos anos vinte marchou a Madrid e tocou en orquestras mais deixou ese camiño despois de que o golpe militar o conducira ao exilio” sinala Ramón Pinheiro dunha traxectoria musical case descoñecida até o momento. 

“Xa en América participa na fundación da Orquestra de Santo Domingo e en República Dominicana está considerado como un autor musical. Foi nese momento no que a súa actividade se encamiñou cara a escrita, como escritor e redactor nos xornais e a partir de entón xa nunca volveu a súa faceta de músico de maneira que na familia non lembran velo tocar. A música quedou reservada ao seu estudo e ía apuntando as súas ideas en notas” explica Pinheiro, marabillado coa grandeza dun artista coa que aínda hai, ao seu ver, unha débeda de recoñecemento. 

A tres metros do chan

A faceta de creador, tamén musical, partíllase da do crítico e amigo dos máis prestixiosos músicos do seu tempo de Bernstein a John Cale. “O obxectivo dos materiais musicais de Granell non se sabe ben o destino que tiñan. Foi crítico musical toda a vida e interesouse moito pola música” comenta Piñeiro. A súa pode ser banda sonora do surrealismo? “André Breton desestimou a parte musical da arte e o surrealismo enxordeceu, en certa maneira, agora, a súa música pega especialmente vén coas outras creacións que naceron da súa man”, explica e, desta maneira, o espectáculo arranca coa proxección dun dos seus filmes coa música ao vivo, nunha combinación tan acaída que ao director artístico seméllalle que naceron para camiñaren xuntas. 

A exquisita edición do traballo producido pola Central Folque recolle dous libros, un coas anotacións e partituras de Granell e outro co ensaio ademais do CD coas novas interpretacións sobre os seus traballo. “O seu é un perfil musical amplo, do jazz á improvisación, partindo tamén do concepto de indixenismo, xa que tivo que reinventarse de latinoamericano e moitas veces se disfrazaba de indio. Incluímos zanfona e gaita como rítmicos porque tamén el tiña unha gaita que estivo aínda hai pouco exposta na Fundación” comenta Piñeiro. 

Sorpresa. A sorpresa é a palabra que mellor define o traballo desenvolvido a través das anotacións e traballos musicais de Granell. O escritor Manuel Rivas confesaba na presentación na Coruña que atopara unha música inspiradora, coa que se mergullara nunha total inmersión, nun abrazo intenso. “Calidade, traballo, fascinación, a xente sae flotando do espectáculo, a tres metros por riba do chan” comenta Ramón Pinheiro dunha sensación que se pode volver experimentar este sábado día 25 en Pontevedra, no concerto que terá lugar no Teatro Principal. “Unha delicatessen visual e artística, sorprendente, e unha experiencia singular” conclúe Pinheiro. 

Ao escenario subirán  ademais de Alejandro, unha banda composta pola cantante Mónica de Nut, LAR Legido na batería, José Manuel Díaz no contrabaixo, Germán Díaz á zanfona, Edelmiro Fernández na gaita e María José Pampano na viola e violín. Un grupo de excepción para unha gran sorpresa tres metros por riba do chan. 

 



x