Saltar ao contido
13:29 h. Cuarta feira, 26 de Novembro do 2014

Vota:

''O compromiso do PP con Rosalía e con Galiza é propio dunha campaña de 'Gadis', un suspiriño momentáneo''

Conversamos con Francisco Rodríguez, unha das persoas que mellor coñece a nosa poeta nacional a través da súa obra e que nestes días resgatou do esquecemento un poema inédito seu publicado en 1866 no xornal madrileño La soberanía nacional. Estes versos de Rosalía voltaron a ver a luz no número 44 do Sermos Galiza en papel.

Beti Vázquez
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]


Coñecido pola súa andaina política, a faceta da investigación académica queda, quizais, nun segundo plano.

Porén, e para alén de varios libros sobre a escritora, Francisco Rodríguez é o autor da primeira tese de doutoramento que se leu nunha universidade galega sobre Rosalía.

Vén de resgatar do esquecimento uns versos inéditos que a poeta dedicou a Salustiano de Olózaga, un político progresista que loitou pola liberdade e combateu a escravitude. Falamos con el sobre estes e outros versos rosalianos.


Valorou este inédito "significativo". Por que é tan importante?

Porque, desgrazadamente e ao igual que acontece coa historia do noso País, temos un coñecemento e un legado da obra rosaliana que non é íntegro. Por exemplo, unha boa parte dos medios impresos ou desapareceron ou as follas están rotas, arrincadas... polo que en prensa hai unha parte que xa está perdida. 

Con todo, non se fixo tampouco un repaso desa imprensa. Sei que hai un xornal de Pontevedra que se chamaba El Progreso que tiña poemas dela, e outro en Ourense, de Paz Novoa, e máis un, El clamor de Galicia, na Coruña. 

Iso por falar de Galiza. No exterior, en Madrid, Cuba ou Bos Aires, seguro que queda algo tamén. Este que eu exhumei non sabía a data exacta, mais sabía que estaba en La soberanía nacional e a data aproximada. 

Que o poema saia na imprensa de Madrid ten a ver con que Rosalía fora máis respectada e recoñecida fóra da Galiza do que dentro?

Non, non. A Rosalía que escribe en La soberanía nacional é moi pouco coñecida en Madrid. O que pasaba era que Murguía usaba as súas influencias para ir colocando a súa obra. Porén, a súa novela, moi filosófica e problemática, e a súa poesía, pensada sempre en chave nacional e galega, non gozaban de moito agrado alí. O seu nome nunca tivo impacto até o século XX.

O cal non quita que dentro, como dis, tampouco era recoñecida como debera. Foron os emigrantes os que máis forte premeron para que o seu nome fora importante. De non ter sido pola emigración Rosalía tería serias dificultades para se facer un oco na Galiza. 

Por que escolleu a poeta nacional para a súa tese de doutoramento?

Porque sobre ela había proxectada unha imaxe terríbel que non correspondía nin coa súa obra nin coa súa conduta. Foi unha obriga de xustiza coa nosa compatriota e que serve para rectificar a imaxe dela e de Galiza, porque quen sabe algo da nosa historia vai ir procurar tamén a orixe das cousas aos versos de Rosalía. 

En que ano escribiu a tese?

En 1987.

E foi a primeira...

Si. Queres saber por que? Porque ninguén tiña interese ningún en Rosalía. Pondo á marxe o caso de Carvalho Calero, os mellores estudos que había ao redor da súa figura, limitados pola perspectiva que tiñan, eran de fóra. Na Galiza era un tabú para non explicar en que consiste a colonización do noso pobo. As maiores barbaridades dixéronse e fixéronse no ensino.

Refírese á imaxe de poeta chorona e pusilánime que se estuda?

Non, non. Fáloche do ensino universitario! Nese que ti dis por suposto, mais non deixa de beber das universidades. Os profesores son educados nesa visión de Rosalía. Despois da tese fixen un libro que foi vetado, silenciado, na universidade de Santiago. Chegou a se dicir que era unha señora inculta, iletrada, que cometía faltas de ortografía, que era unha aldeaniña... mesmo chegaron a acusar de xenófoba. 

Segue hoxe a investigar sobre a obra de Rosalía?

Si, si. O poema atopeino na actualidade. Hai que seguir. A obra de Rosalía dá para moito!

Gostaría ela do uso que está a facer a Xunta da súa obra, do seu nome, da casa en que morreu?

Ese uso non é máis que a ousadía de estar en contra dun País e botar man dos seus elementos nacionais para proxectar unha imaxe durante un día. Despois non gastan un peso en Rosalía. Non difunden a súa obra, non defenden nin a nosa lingua nin a nosa cultura, non poñen a TVG ao servizo diso.

O único que fan é gastar forzas para dicir que Rosalía escribía en castelán. Sen explicar que se debía a coxunturas daquela época. Queren convencer de que era española. Son como unha campaña de Gadis: 'Vivamos como galegos'. Queren parecer tan galegos como o que máis. Porén, o seu compromiso con Rosalía e con Galiza é un suspiriño momentáneo.

Quixera preguntarlle polo poema do que máis gosto, o da costureiriña. Rosalía rebélase contra a Igrexa cando era símbolo de poder económico e moral; transmite un discurso feminista e anticlerical... sendo ela filla dun crego. Porén, toda esta parte da súa obra foise limando.

Porque cumpría adaptar a súa imaxe á visión que de Galiza teñen en España. Os galegos somos tranquiliños, apoucadiños, non temos xenio, non temos arranque. Como se vai facer algo en Galiza antes do que en París? Non señor! Como vai ser Rosalía defensora dos dereitos das mulleres? Non señor! 

Con todo, o máis importante dese poema é que define a relación que daquela había cos santos. Era unha relación persoal baseada na necesidade. É iso o que fai a nena costureira, empresta os pendentes, empresta o colar e di "cara bonita" porque quere que a santiña lle ensine a puntear. Como non lle ensina remata dicíndolle "cara de mona" e xa lle nega os pendentes e o colar. 

Rosalía non tivo nunca problema en ser filla de solteira nin en ser filla dun crego. Na época había moitos fillos de solteira. Con cinco anos vivía a uns metros do seu pai e ela propia recoñeceu, cando morreu o cura, que era seu pai ese home sobre cuxa tumba estaba a botar presadas de terra. 

Pregunteille polo meu poema favorito. Pregúntolle agora polo seu.

'Xigantescos olmos'. Un deles, porque a obra de Rosalía é tan complexa, dando a sensación de espontánea, tan ben artellada...

Non o dubidou nadiña! Por que escolleu ese?

Polo misterio que ten. E porque reproduce moi ben a natureza galega colocándolle o papel que xoga a superstición errada no descubrimento de cales son os males que padecemos. É moi preciso e moi galego do punto de vista medio-ambiental e da dificuldade para descubrir as causas da nosa situación. 

Sabe que o seu traballo foi reproducido en La Voz de Galicia sen llo atribuír? 

Sei, si.

E non vai dicir nada?

O máis grave é que se publique íntegro o poema sen dicir onde foi publicado, sen nomear Sermos Galiza. Iso si que me parece un comportamento mafioso.

Sobre a actitude cara á miña persoa, que queres que che diga? Prefiro non comentar nada porque encaixa perfectamente no poema que che acabo de dicir. Eu vivo tranquilo sen La Voz. Compráceme que La Voz viva tranquila sen min.