Saltar ao contido
7:53 h. Sábado, 20 de Setembro do 2014

Vota:

O Conservatorio Superior e a Escola de Imaxe e Son da Coruña conflúen para narrar tres historias de 'loucura e morte'

COLORSONORO é unha iniciativa interdisciplinar, con base na electrónica, que integrará música ao vivo, videoarte e performance

Carmen Vidal
Cartaz Color Sonoro
Cartaz Color Sonoro

O centro sociocultural Ágora da Coruña acollerá este serán, a partir das 20.30 horas a COLORSONORO, un proxecto pioneiro e de vangarda. O Conservatorio Superior e a Escola de Imaxe e Son da Coruña conflúen para narrar tres historias de 'vida e morte'. Este iniciativa experimental, cuxo punto de partida é a música electrónica, integrará música ao vivo, videoarte e performance. 

As tres pezas musicais de creación orixinal procurarán o impacto poético cun apoio visual co que reescriben temas que pertencen ao imaxinario colectivo. O filme O gabinete do Doutor Caligari de Robert Wiene, o conto Bobok de Fiódor Dostoievski e a figura da condesa Erzsébet Báthory foron os motivos que guiaron tanto a creación musical como a audiovisual e a parte performativa.

Dende o Conservatorio Superior da Coruña, Julián Rodríguez, o docente coordinador do eido musical, manifestou en declaracións a Sermos Galiza que o espectáculo ao vivo contará con instrumentos de vento, corda e percusión e mesmo cunha soprano. “Como punto de partida, os compositores procuraron un motivo para ofreceren unha imaxe de referencia para a construción audiovisual; comprobamos que o tema da loucura e a morte, esteticamente, daba moito xogo”, afirma Rodríguez.

"Os compositores procuraron un motivo para ofreceren unha imaxe de referencia para a construción audiovisual"

Doutra banda, o organizador do sector audiovisual e escenográfico é César Fernández., mestre no curso de realización da Escola de Imaxe e Son. “As pezas non procuran unha narrativa, senón un espectáculo baseado en imaxes abstractas e o impacto poético”, afirma Fernández. “Quería darlle aos meus alumnos esa liberdade creativa fronte uns plans de estudo fundamentalmente ortodoxos; aliás, con este proxecto absolutamente pioneiro na Galiza, fomentamos unha colaboración interdisciplinar que está en boga na actualidade”, observa o coordinador do audiovisual. 

Cun novo proxecto colaborativo entre as mans, o único que nos puido adiantar COLORSONORO é que, a vez vindeira, non se tratarán temas tan escuros, senón que explotarán uns motivos máis vitalistas tanto no eido da creación musical como da audiovisual.