Saltar ao contido
10:34 h. Sábado, 29 de Novembro do 2014

Vota:

Os Minhotos achegan unha Pinga d'Auga ao universo da música galega

A música tradicional continúa a dar novos froitos. Os Minhotos presentan Pinga d'Auga, o seu primeiro traballo discográfico após seis anos de actuacións por todo o país.
Anton Escuredo

 

Amor ao país e á nosa música. Os Minhotos levan seis anos transmitindo en directo o que aprenderon de maneira oral. Após todo ese tempo pensaron deixar en formato físico esas experiencias e gravar o que por agora é o seu primeiro traballo discográfico: Pinda d'Auga. “Escollimos o nome por un poema de Manuel María”, afirma Xaneco Tubío, un dos seus compoñentes, “coñecémolo en vida e falaba de que o grupo debíase chamar Os Minhotos e así foi”.

Para quen se achegue por primeira vez a esta formación tradicional descubrirá sons antergos e arranxos contemporáneos que veñen da formación clásica de varios dos seus compoñentes. “O repertorio é a nosa visión da música tradicional galega do século XXI”, clarifica Tubío.

“O repertorio é a nosa visión da música tradicional galega do século XXI”

Homenaxe ao músico tradicional

Xaneco Tubío, como outros tres compoñentes da formación lucense, leva anos no mundo da música con outra formación, Caldaloba, e vive do seu obradoiro de instrumentos tradicionais. “Non podemos vivir de tocar e dependemos doutros traballos”, admite.

Mais a música galega é a súa vida. “Estamos nela polos que viñeron antes, por iso adicamos o noso traballo aos gaiteiros que pasaron épocas duras, de prohibición e ridiculización”. Os tempos mudaron mais non tanto e agora, asegura Xaneco, segue a época dura. “Eliminaron os apoios á música e na programación das cidades, por exemplo, a música galega é testemuñal”.

Presentación en Lubican 2013

Os Minhotos teñen un directo agradecido. A presentación do que xa é po seun primeiro traballo discográfico vai ser o 14 de marzo dentro do Festival Lubicán 2013 que organiza a USC. “Vai ser unha actuación moi especial pola participación de músicos que colaboraron na gravación e que non teremos moitas máis oportunidades de coincidir en directo”.

Os Minhotos son Alberto Castro (Gaita, Pandeiro, Pandeireta, Bombo), Xaneco Tubío (Tamboril, Pandeiro, Pandeireta, Tixoletas, Ferriño, Bombo), Bruno Villamor (Gaitas, Zanfona, Requinta, Pandeireta, Tamboril), Paula Fernández (Acordeón) e Vitor Otero (Zanfona, Gaita, Percusións). Eis unha actuación en vídeo gravada diante da casa de Hortas, lugar de nacemento do poeta nacional Manuel María, en Outeiro de Rei, participando na Alborada a Rosalía o 24 de febreiro de 2013 co tema "Sobresainte"