Saltar ao contido
13:42 h. Quinta feira, 23 de Outubro do 2014

Vota:

Villares agarda que quen suceda a Ferrín xestione "o poder simbólico" da Academia

O presidente do Consello da Cultura Galega di que o cargo do cal Ferrín demitiu "non é difícil" e acrecenta que para o desempeñar cómpre unicamente "unha certa ascendencia na cultura galega" e "unha mínima capacidade de xestión e representación institucional"
Redacción


"Xestionar a dimensión histórica" da Real Academia Galega. É esta a "importante" misión que o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, lle encomendou este domingo á persoa que suceda Xosé Luís Méndez Ferrín á fronte da institución con sede na rúa Tabernas da Coruña, despois de o escritor anunciar a súa demisión.

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Villares restou complexidade ás tarefas de president@ da RAG, sinalando que para o cargo cómpre unicamente "unha certa ascendencia na cultura galega" e "unha mínima capacidade de xestión e representación institucional", polo que o "poder simbólico" é, ao seu xuízo, a dimensión máis importante a cultivar.

A necesidade de "reorientar" a política cultural do País

Rexeitou pronunciarse sobre as acusacións de nepotismo e da contratación de familiares a dedo que pesan sobre Ferrín e ao respeito limitouse a indicar queo que "non podo dar explicacións que el non dá". Manifestou a súa "preocupación" respecto do panorama que queda após a marcha de Ferrín e dixo que "o CCG practica un modelo de xestión que quere que se propague a todas as institucións culturais" para lamentar deseguido que "cadaquén fai o que estima conveniente".

"Non podo dar explicacións que el (por Ferrín) non dá"

Por último, Villares advogou por "reorientar" a política cultural da Galiza para non investir só en infraestruturas como o mausoleo do Gaiás. Convidou a non ver a cultura "como un floreiro" e insistiu na necesidade dun cambio de modelo ao subliñar que o actual serviu apenas "como fachada para xustificar campañas e obxectivos políticos".