Negredo liquida un Celta insolvente en defensa que continúa en descenso

Negredo liquida un Celta insolvente en defensa que continúa en descenso
Iago Aspas
Iago Aspas  
Negredo fendeu até tres veces a feble malla defensiva do Celta. O combo de Abel nunca estivo no partido. Non tivo o comportamento dunha equipa que, de ter sumado os tres pontos en xogo, tería abandonado a zona de descenso.

 

O Sevilla non é calquera cousa, nomeadamente na súa vangarda. Futbolistas como Navas ou Negredo son dos que fan a diferenza. Navas foi o propietario absoluto da banda esquerda. Negredo é un deses 9 que apenas se dan xa no fútebol. Tipos que apenas precisan nada para golear. O Celta deulle moito máis que nada. Demasiadas facilidades para a sociedade que forma co eléctrizante Navas.

Non comezou mal o xogo para o Celta que na primeira media hora se achegou con perigo á baliza rival. Só un problema: non a furou. Sen definición non se pode andar con solvencia nesta categoría. Todo o contrario que o Sevilla. Nos primeiros 40 minutos chutou 3 veces entre os tres paos. O botín, espléndido: dous goles de Negredo e unha moi boa intervención de Javi Varas.

O 2-1, produto dunha combinación entre Aspas e Augusto, foi unha miraxe. En realidade, o Celta nunca tivo a tensión suficiente para inquietar o Sevilla.

Após o intervalo, Navas botouse a equipa ás súas esguías costas. O carril esquerdo sevillista foi para el unha autoestrada libre de portaxe. O 3-1, alén do máis, chegou nun agasallo de Javi Varas, que hoxe podía ter escusado vestirse de curto.

O Celta continúa, portanto, en descenso. A súa folla de servizos fóra de Balaídos é sinxelamente deprimente e fai moi difícil ser optimista a respeito do futuro da equipa.

Despois do 3-1 desatouse o furacán Negredo. O Celta caeu e mantén a súa xeira de resultados negativos fóra de Balaídos (no que vai de liga só gañou en Zaragoza). E o calendario por diante do combo vigués, que fica a 2 pontos da liña de salvación, é verdadeiramente estarrecedor. O próximo encontro, 10 de Marzo, na casa, contra o Madrid de CR7.