Saltar ao contido
10:00 h. Sexta feira, 31 de Outubro do 2014

Vota:

Máis de 40.000 persoas rexeitan nas rúas de Vigo a soga de Bruxelas no pescozo do naval

Unha multitudinaria manifestación, máis de 40.000 persoas segundo os sindicatos, percorreu a cidade en defensa dun sector chave para comarca e Galiza horas despois de que Almunia insistise na devolución das axudas do 'tax-lease'. Vídeo no interior

Xesus Manuel Piñeiro

Milleiros de persoas marcharon en Vigo, con punto de partida na Praza dos Cabalos, para rexeitar a intención de Bruxelas de obrigar a devolver ao naval as axudas do 'tax-lease'. 'Naval, solución' foi unha das palabras de orde da multitudinaria marcha. Mais non a única. Hóuboas contra a política da UE, mais tamén contra os gobernos estatal e galego.

A decisión de Bruxelas de se manter nas súas trece, non aceptar a alternativa da delegación que viaxou até a cidade, e insistir en que hai que devolver as axudas do 'tax-lease', xerou unha gran indignación na cidade. Pola mañá, paro de catro horas no naval e marchas de protesta que converxeron ante a sede delegación comunitaria. Alí, un traballador izou unha bandeira negra, de loito pola destrución do sector.

“Reaxir”

E pola tarde, unha maré humana tomou parte na manifestación. Por volta de 15.000 empregos en xogo, dependendunha decisión de Bruxelas. Na marcha, convocada polos sindicatos, representantes das diferentes organizacións políticas. O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, expresou “a indignación” polo resultado da xunta en Bruxelas e apelou á “insubmisión.  É momento de plantarse e reaxir, Galiza non pode seguir soportando políticas que nos destrúen”.

Vence censurou a actuación da UE porque “non se basea en argumentos xurídicos, senón que é unha decisión puramente política e obedece á presión dos lobbies holandeses e alemáns, que son os que están a concentrar toda a contratación europea. Actualmente teñen unha posición hexemónica no mercado naval, levan todos os contratos debido á situación de parálise que sofren os nosos estaleiros desde que a UE abriu hai dous anos o expediente ao Estado español polo tax-lease”.

“Farsa”

De por parte, Xosé Manuel Beiras, de Age, manifestara nas últimas horas que que “no naval, asistimos a unha constante e continuada celebración de farsas, que dura un tercio de século". A viceportavoz, Yolanda Díaz, sinalou que “non podemos consentir este novo golpe aos estaleiros, dado coa complicidade do Partido Popular, maioritario na Comisión Europea”