Saltar ao contido
20:56 h. Cuarta feira, 27 de Agosto do 2014

Vota:

Sermos Galiza vai facer un ano! Se vós queredes, nós podemos

Até o vindeiro 1 de Xuño o prezo da suscrición ao noso semanario reducímolo nun 20 por cento.

Sermos Galiza


O 26 de abril, Sermos Galiza soprará a súa primeira candea. Alá vai un ano! 365 días en que nunca fallou o compromiso de facermos da nosa lingua unha militancia, de turrarmos do fío da galeguidade, de facer que a voz de persoas e colectivos sociais se ouza e de lle chamarmos ás cousas polo nome para que, así, existan. 

O que non fixemos foi ser neutrais. Nunca quixemos ser neutrais porque nunca quixemos ser hipócritas. Nun País arrasado por unha crise que non causamos, mais que pagamos; nunha Nación á que lle din rexión; nun País onde as mulleres asasinadas 'morren' e a imprensa só fala na lingua propia un día ao ano, o 17 de maio; nun País onde o sindicalismo combativo merece cárcere e onde defender a Terra si é delito; nese País non cómpre sermos neutrais. O que cómpre é mollármonos, facermos xornalismo. Porque, como dixo dunha vez o compañeiro Xosé Manuel Pereiro, "na imprensa escriben tamén os de Pompas Fúnebres e non por iso son xornalistas".

Cando pedimos un esforzo máis somos conscientes do que pedimos. Por iso pomos o noso pequeno gran de area: a suscrición ao noso semanario custará un 20% menos até o 1 de Xuño

Co ollar posto nese proxecto abrimos primeiro a nosa edición dixital. Pouco tempo despois botaron a andar as rotativas para imprimir o primeiro número do semanario en papel, o único periódico galego e en galego que resiste aínda a embestida dun goberno empeñado en pagar grandes grupos de comunicación para que non se saian do rego sinalado. Sermos Galiza non foi nunca polo rego. Foi a vosa teimosía, a confianza que puxestes en nós e o esforzo económico realizado para apoiardes este proxecto o que nos trouxo até aquí. 

Sopran ventos de cambio. Porén, a contra-información, a que pon nervioso un presidente que foi de paseo no barco dun narcotraficante sen que lle suban as cores á cara, esa información segue a precisar de vós. Cando pedimos un esforzo máis somos conscientes do que pedimos. Por iso poñemos tamén o noso pequeno gran de area: a subscrición ao noso semanario en papel custará un 20% menos até o vindeiro 1 de xuño. Os números dun ano enteiro, 48, custarán 124€; os de seis meses, 24, custarán 64€. Hai un ano, Sermos Galiza comezaba a gatear. Hoxe camiña. Cun pequeno empurrón será quen de voar. Se vós queredes, nós podemos. Imos lá?