Saltar ao contido
2:12 h. Sábado, 30 de Agosto do 2014

Vota:

Festigal'13: Música, cultura, deporte e soberanía

Nao, Sés, A Quenlla e Festicultores encabezan o cartel musical dunha edición que viste a camisola deportiva da Liga nacional de billarda e do fútbol gaélico. Imaxe capa: Xan Muras

O.R

 

Máis un ano, Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre organizan o Festigal, un "espazo común partillado" por todas aquelas persoas "que acreditan na soberanía para Galiza", aseguraron en comparecencia de imprensa @s organizador@s. 

Os vindeiros 24 e 25 de xullo, o Campus Sur compostelán vólvese encher de literatura, música e palestras na décimo segunda edición do Festigal. Este ano, cargado de novidades coa incorpación de actividades deportivas e exhibicións que completan un cartaz musical encabezado por Nao, Sés, A Quenlla e os Festicultores. Xunto a el@s, máis un ano o café concerto completará o programa de actuacións coa presenza de Tempo Catro, Habelas Hainas, Os da Ría, Grampoder e García MC. 

Desde a organización sinalan que o obxectivo é apostar "por música galega e por formacións que recuperen a tradición musical para a súa difusión e por novos estilos de vangarda”, asegurou Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre. 

Deporte e cultura no Festigal'13
Como novidade, nesta edición a organización incorpora ao programa cultural unha liga de fútbol gaélico e de billarda que contarán coa presenza das equipas galegas destes deportes tradicionais. A elas sumarase unha exhibición de loita medieval e "un triangular de fútbol gaélico" un deporte, afirmou Xavier Campos, "de recente implantación na nosa nacións" mais que está "a gañar adept@s". 

Aliás, a proposta cultural completarase con presentcións literarias e espazos para a creación na galería das letras e das ideas que acollerá diversas mesas redondas que achegarán diversas experiencias no activismo social e político coa soberanía como eixo central. 

Neste senso, diversos proxectos sociais e culturais como Cultura do País (Lugo), A Revira (Pontevedra), A Gentalha do Pichel (Compostela), Faísca (Vigo), Colectivo Terra (Pontedeume) e En pé (Pontevedra) debullarán máis unha maneira de facer país desde os colectivos sociais ao que se sumará a experiencia da escola A Semente "como exemplo dun espazo de pedagoxía transformadora", apuntou Saleta Chao. 

Finalmente, dous coloquios abordarán coas delegacións internacionais que se achegarán á capital galega con motivo do Día da Patria dúas conferencias arredor da "soberanía como alternativa". Representantes de Sortu, ERC, Ernai, JERC, Bloc Jove e Gazte Abertzaleak acompañarán ao BNG e Galiza Nova nunha edición lúdica e reivindicativa a partes iguais.