Saltar ao contido
16:43 h. Sábado, 20 de Decembro do 2014

Vota:

Nace Pertenza, colectivo defensor da identidade galega

Cun manifesto fundacional no que defenden o “orgullo de sermos unha nación que queremos ser o que somos, non o que outros queren que sexamos”, nace en Vigo o colectivo Pertenza, un grupo de persoas que, mediante o debate, a interpelación social e a reflexión, defenden a súa lingua, cultura, territorio e economía.

Carmen Vidal

O acto de presentación do grupo Pertenza tivo lugar o sábado 22 de xuño en Vigo, por medio dun xantar en defensa da lingua ao que denominaron “Xantares Galegos” e ao que asistiron ao pé dun centenar de persoas. Conmemoraban tamén coa súa aparición e a xuntanza o 150 aniversario da publicación na cidade do libro “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Preséntanse como colectivo independente, de natureza non partidaria, nin sindical nin con ningunha relación organizativa ou profesional. 

"O colectivo agrupa persoas que “defenden as súas lingua, cultura, territorio, economía, persoas a se consideraren elos dunha cadea que vén desde a noite dos tempos"

O colectivo agrupa persoas que “defenden as súas lingua, cultura, territorio, economía, persoas a se consideraren elos dunha cadea que vén desde a noite dos tempos e que, en resumo, non queren outra cousa que ser elas mesmas”. Defenden no seu manifesto fundamental, diante este tempo de crise, o orgullo de “sermos unha nación que queremos ser o que somos, non o que outros queren que sexamos; un País na procura da autoafirmación, contra a imposición de valores mesquiños; unha Terra tecida na perseveranza por mudar a nosa historia, por converter a nosa lingua”.

Antes de ter comezo o xantar, proxectouse unha curtametraxe realizada polo colectivo de imaxe Rachacapana (https://vimeo.com/68863743), desenvolveuse un recitado de poemas de Rosalia de Castro e interpretáronse varias pezas musicais galegas. Presentouse tamén o manifesto do colectivo -recollido no fin desta información- que se repartiu inserido nun tríptico no que se recollía tamén o menú da xornada con pratos da gastronomía galega. O tríptico foi deseñado por autores recentemente premiados no Festival Europeu de Publicidade e Humor Smile Festival.

 

MANIFESTO

Estamos a viver un tempo contraditorio, no que muitas das ideas nas que se acreditou ao longo de anos e de décadas están a ser derrubadas polo vento da Historia, a cair por elas mesmas ao teren pés de arxila. Durante anos escoitamos como se repetía de maneira teimosa a ladaíña que afirmaba que cumpría abolir as particularidades e as identidades, que se debía camiñar na dirección de aspirarmos a ser unha cidadanía mundial. Mais, ao tempo, observabamos, aínda que semellaba que non queriamos velo, como ao noso redor agromaban novas identidades, colectivos de xentes que se achaban e achan orgullosas de seren lituanas ou vascas, eslovacas ou moldavas, catalás ou flamengas. Persoas que defenden as súas lingua, cultura, territorio, economía, persoas a se consideraren elos dunha cadea que ven desde a noite dos tempos e que, en resumo, non queren outra cousa que ser elas mesmas. E ao mesmo tempo, devagar, estamos a ver como ese falso universalismo do que se nos falaba non atende cuestións profundamente humanas —como a satisfacción de necesidades económicas básicas ou culturais— e representa somente o universalismo do diñeiro.

Estamos a viver, dicimos, un tempo caracterizado, tamén, polo declinio do que até o día de hoxe temos considerado os chamados grandes partidos tradicionais e, ao tempo, polos desexos da cidadanía de apañar nas súas maos as rédeas do seu futuro. A sociedade, atravesada por unha crise económica, política, cultural e ética sen precedentes, olla como os seus setores máis conscientes deciden non ficar inmóbeis na defensa das súas identidade, industria, cultura, idioma, natureza. Identidade, cultura, idioma: eis os elementos chave que empurran a aparición de Pertenza. Identidade, lingua: outras maneiras de nomear ideas que chegan até o fundo dos humanos, ideas que teñen a ver coa restauración da dignidade, coa reivindicación do noso séndomos fieis a unha antiga herdanza. Cultura, idioma: unha herdanza na que compre afortalarmos as liñas de progreso e mudarmos ou rexeitarmos os perfis anacrónicos, e avanzarmos así cara a un futuro cada vez máis xusto.

Un avanzo —agora que se cumpren cento cincuenta anos de Cantares Gallegos— no que nos debe servir de referencia a fidelidade á voz de Rosalía de Castro, mudando, como ela dixo, a Galiza no noso obxecto. Como nos deben servir de búsola as palabras de Murguía, ao proclamaren que xentes que falan a lingua que non lles é propria constitúen un pobo que non se pertence, ou as de Vicente Risco ao nos interpelar asegurando que a culturización do País nunca se debe de levar a cabo na obriga da ignorancia a si proprio. Un avanzo co orgullo de sermos unha nación que queremos ser o que somos, non o que outros queren que sexamos; un País na procura da autoafirmación, contra a imposición de valores mesquiños; unha Terra tecida na perseveranza por mudar a nosa historia, por converter a nosa lingua, vehículo de comunicación con trescentos millóns de persoas, que viven en case once millóns de quilómetros cadrados, asentadas en catro continentes, nunha ferramenta para estarmos no mundo. Un avanzo dun pobo na busca da liberdade, da paz e da xustiza, da igualdade con mulleres e homes, na busca solidaria da Humanidade e, sinaladamente, na afincada procura de si mesmo.

Na Galiza, a 22 de xuño de 2013