O rexeitamento ás fumigacións chega á rúa


O rexeitamento ás fumigacións chega á rúa

Unha marcha decorreu por Compostela para denunciar os riscos e perigos das fumigacións aéreas de eucaliptais con pesticidas decidida pola Xunta

O pesticida que a Xunta pretende empregar nas fumigacións aéreas de eucaliptais, o flufenoxurón, está prohibido na Unión Europea a partir do 1 de agosto. É un insecticida tóxico que se vai esparexer desde o aire con risco que iso supón: Para persoas, acuíferos, bosques e, tamén, para as abellas (“Galiza pode vivir sen eucaliptos mais non pode vivir sen abellas”, afirman desde a Asociación Galega de Apicultura)

Para denunciar e informar á cidadanía de todo isto e de máis (como os intereses a grande industria pasteira nesas fumigacións), unha marcha transitou polas rúas de Compostela. Apicultores, labregos, medioambientalistas e cidadáns e cidadás sen máis sumáronse á convocatoria da Plataforma contra as fumigacións.

“Ninguén ten dereito a botar pesticidas no ar que respiramos, a auga que bebemos e os alimentos que comemos”

Un dos seus responsábeis afirmaba, antes de partir a mobilización da Alameda compostelá, que “a xente debe moverse para que a Xunta non autorice unhas fumigacións que van ser perigosas para a saúde”.

Alén de 100.000 en internet

Se ben a mobilización compensou con enerxía, colorido e compromiso unha asistencia que non foi todo o multitudinaria que se podería agardar dun tema de tanta gravidade, máis de 100.000 persoas xa asinaron en internet o manifesto de Non ás Fumigacións.

Na marcha non faltaron as cancións, lemas e faixas referidos a unha cuestión na que “Galiza se vai xogar moito”.

Xunta

A Consellería do Medio Rural e do Mar pide a través dun comunicado "seriedade e rigor" sobre a aplicación do flufenoxurón para o tratamento de loita integrada contra o gorgullo do eucalipto. A Xunta pide máxima tranquilidade aos galegos fronte ao tratamento inexacto, pouco rigoroso e esaxerado que se está a facer do tema de maneira interesada dende algúns grupos e que ao único que leva é a enganar e manipular á sociedade.

 



x