Saltar ao contido
23:34 h. Terza feira, 21 de Outubro do 2014

Vota:

Exipto: os golpistas ordenan a detención do líder supremo das Irmandades Musulmás despois de asasinar a 55 partidarios de Morsi

Continúa a represión no Exipto. Após o asasinato de 55 partidarios de Morsi que se concentraban perante o cuartel da Gardia Republicana, en que se acha detido o presidente lexítimo do país, os golpistas ordenaron onte a detención do guía supremo dos Irmáns Musulmáns.

Xose Xose Mexuto

O golpe de Estado en Exipto continúa a deitar sangue e o país entra nunha espiral que moi ben o podería acabar conducindo á guerra civil, após se constatar a oposición moi firme e organizada que mostran os sectores nucleados arredor dos Irmáns Musulmáns, o movemento social que daba suporte ao goberno Morsi.

Na madrugada da pasada segunda feira, tropas militares disolveron a lume e sangue unha concentración de partidarios de Morsi perante o cuartel da Guardia Republicana en que este se acha detido.

Mataron 55 persoas, entre eles un xornalista: Ahmed Assem, de 26 anos, membro da redacción do Al-Horia Wa Al-Adala, diario oficial dos Irmáns Musulmáns. Abriron fogo contra el cando estaba a fotografar o protesto. As tropas dispararon indiscriminadamente. Alén dos mortos, feriron outras 400 persoas.

O novo poder constituído en Exipto, que ten como alicerce básico o Exército, aliado tradicional dos EUA, non vai parar na sua razzia anti-islamista. Onte, decretou a detención de Mohamed Badie, o líder supremo dos Irmáns Musulmáns, ao que imputa o cargo de ter instigado a violencia nos incidentes da pasada segunda feira. Curiosa acusación, tendo en conta que os mortos neses incidentes os puxeron os Irmáns Musulmáns.