Saltar ao contido
5:20 h. Domingo, 26 de Outubro do 2014

Vota:

Samir Amin cualifica de “vitoria do pobo” o derrocamento de Morsi en Exipto

O economista franco-exipcio amósase moi crítico co goberno da Irmandade Musulmá a quen acusa de ter pretendido impor unha “teocracia ao modelo iraniano”. En dúas entrevistas recentes, unha delas concedida ao diario francés L’Humanité, pon en valor o grande movemento de oposición popular Tamarod contra as políticas continuístas co réxime de Mubarak.

Xabier P. Igrexas
Samir Amin
Samir Amin

“A caída de Morsi debe ser vista como una vitoria do pobo”, así intitulou o diario francés L’Humanité a súa entrevista ao economista franco-exipcio e presidente do Foro Mundial de Alternativas, Samir Amin.

Amin, reputado intelectual de coñecida traxectoria antiimperialista, debullou co rotativo galo a situación criada en Exipto logo de que o exército daquel país decidise forzar a retirada da presidencia do islamista Mohamed Morsi nun contexto de importantes protestas populares e grandes mobilizacións sociais contra o seu goberno. 

Na entrevista retratou ao goberno impulsado pola Irmandade Musulmá como continuísta en relación ao réxime de Mubarak, derrocado tras a revolución popular de hai un ano que tivo como epicentro a praza El Tahir. “Morsi e a Irmandade Musulmá fixeron a peor política económica e social que puideron, mesmo peor que a de Mubarak” denuncia taxativo. 

“Morsi e a Irmandade Musulmá fixeron a peor política económica e social que puideron, mesmo peor que a de Mubarak”

O intelectual discrepa das teses que presentan a crise exipcia como resultado dun golpe de Estado alentado polos intereses das grandes potencias imperialistas. A pesar de amosarse moi crítico co exército e mesmo acusando ao seu corpo de oficiais de “corruptos”, Amin asegura que na súa opinión “o exército non pediu opinión aos EUA” para interviren. Feito que quedaría acreditado, segundo el, na inmediata denuncia dos Estados Unidos e na suspensión da axuda norteamericana ao país. Aliás, non ten reparos en sinalar a complicidade do réxime de Morsi cos intereses dos EUA, afirmando que “para os EUA non hai mellor servo que a Irmandade Musulmá, xa que é un goberno totalmente impotente”.

Lexitimidade en cuestión

“As eleccións que levaron ao poder a Morsi foron manipuladas” asegura noutro treito da entrevista, no que debulla que a fraude chegou ao punto de que se compraron votos distribuíndo “caixas de alimentos” e que mesmo “xuíces exipcios se retiran das mesas electorais porque foran ocupadas militarmente pola Irmandade Musulmá”. Samir Amin reduce a un 15% o apoio electoral real que a Irmandade e outros grupos islamistas, como os salafistas, representan. “Foron capaces de pasar do 15% ao 60% a costa dunha fraude masivas e o monopolio dos recursos financeiros” sostén.

Oposición popular

“Para os EUA non hai mellor servo que a Irmandade Musulmá, xa que é un goberno totalmente impotente”

Un dos factores que salienta na súa análise é o papel que xoga a ampla oposición popular ao goberno de Morsi, por continuar “a mesma política que a de Mubarak pero máis violenta, cun desprezo extremo á democracia”, e que ten na chamada iniciativa Tamarod a súa maior expresión. A Tamarod é un movemento de oposición que concitou o apoio de 22 millóns de sinaturas exixindo a saída de Morsi. Foi esa campaña a que promoveu a convocatoria da grande mobilización do pasado 30 de xuño que segundo a policía reuniu a 16 millóns de participantes, sendo “aínda máis impresionante que as maiores reunións de xaneiro e febreiro de 2011”.  

Con todo, Amin conclúe prudente ao asegurar que a saída de Morsi “é unha vitoria, mais non é a vitoria final”.

Teocracia neoliberal

Nunha entrevista anterior reproducida polo sitio web Réseau International, coincidindo co primeiro aniversario da elección de Morsi, Amin cualificaba ao presidente de “títere en mans dos países do Golfo [aliados dos EUA]” e aseveraba que o “obxectivo último de Liberdade e Xustiza [partido de Morsi] é a construción dunha teocracia ao modelo iraniano”.

A respecto da orientación económica dos islamistas asegura “que só teñen respostas ultraliberais a crise” alertando que “o seu obxectivo é simplemente vender todo o sector público”.

Vista das mobilizacións do 30 de xuño contra o goberno Morsi

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Vista das mobilizacións do 30 de xuño contra o goberno Morsi (Foto: Al Mokawama)