Saltar ao contido
18:41 h. Sexta feira, 31 de Outubro do 2014

Vota:

Venezuela admite un empeoramento na saúde de Chávez

Diosdado Cabello, primeiro vicepresidente do Partido socialista unido, deixa claro que "a única transición é ao socialismo"
Redacción
Chávez, nunha imaxe de arquivo [SG]
Chávez, nunha imaxe de arquivo [SG]


O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, empeorou da función respiratoria cunha "nova e severa infección". Após dúas semanas ingresado no hospital en Caracas, o seu estado xeral "segue a ser moi delicado". Así o recoñeceu o ministro de comunicación do goberno bolivariano, Ernesto Villegas, en declaracións á cadea nacional de televisión. Informou de que o seu estado deriva dun tratamento "con quimioterapia de forte impacto" ao que foi sometido.

Villegas fixo un chamamento ao pobo para se manter "en pé de loita perante a guerra psicolóxica emprendida por laboratorios estranxeiros con altofalantes na dereita corrupta venezolana que procuran xerar escenarios de violencia como pretexto para unha intervención" en territorio bolivariano. Pola súa banda, Diosdado Cabello, primeiro vicepresidente do Partido socialista unido, recalcou a través da súa conta persoal de Twitter unha idea que lanzara xa durante a estadía de Chávez en Cuba. Enfatizou que o mandatario "non é unha transición" e que "a única transición en Venezuela é ao socialismo"

Hugo Chávez ingresou hai dúas semanas no hospital na capital após máis de dous meses en Cuba, onde o operaron o 11 de decembro por cuarta vez en dezaoito meses, aqueixado dun cancro na zona pélvica. Desde o 10 de decembro non fixo declaracións e só foi visto en fotografías divulgadas antes do seu regreso a Caracas.