Saltar ao contido
23:17 h. Terza feira, 02 de Setembro do 2014

Vota:

"É incoherente defender a lingua e ser machista"

Quen así fala é o presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, Nel Vidal. A defensa da lingua como argumento de xustiza social, en diálogo con outras loitas cívicas, guiará a edición deste ano do curso de dinamización lingüística que decorrerá en Carballo.
Sermosgaliza

A defensa da lingua, afirma Vidal, é tamén cuestión de xustiza social, dada a suá marxinación histórica, e así é preciso trasladalo á sociedade.  Este será o fío argumental este verán do curso de normalización lingüística que dende hai anos se celebra en Carballo, e que nesta ocasión terá lugar entre o 18 e o 20 de xullo. Enlaza así coas conclusións ás que se chegou en anteriores edicións, nas que se afondou na configuración de novos argumentos e na revisión do discurso a prol da defensa da lingua.

O curso, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración coa CTNL e o Concello de Carballo, ten como fin “fortalecer a idea de normalización lingüística como unha causa máis para reivindicar a xustiza social”. Pretende  abrir espazos de diálogo, a prol da lingua, entre polos diversos do tecido cívico, dende o ecoloxismo ao movemento feminista ou o mundo da cooperación e o desenvolvemento.

Carballo reunirá, ao longo de tres días de xullo, a expertos/as e activistas dos máis diversos ámbitos cívicos. Entre eles, o profesor da Universidade de Barcelona Père Comellas; o maxistrado da Audiencia Provincial de Lugo, Luís Villares; o escritor Séchu Sende e a economista experta en cidadanía e intervención, Astrid Agenjo. Dende o activismo ecolóxico e lingüístico falará Isabelle Kerdudo; dende o feminismo, Ana Xesús López, e dende o ámbito da defensa das liberdades sexuais,  Laura Bugallo, e Lucía Vázquez. Até Carballo tamén se achegarán a presidenta de Nova Escola Galega, Mariló Candedo; o presidente da AS-PG, Xoán Costa e a escritora Marta Dacosta,  por parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega e de CIG-Ensino.

O curso celebrarase nas instalacións do Fórum Carballo e terá unha duración de 20 horas. O prazo de inscrición manterase aberto até o 12 de xullo, a non ser que as 80 prazas dispoñibles se esgoten con anterioridade.