Morreu o escritor Bernardo García Cendán

Morreu o escritor Bernardo García Cendán
O escritor e profesor Bernardo García Cendán, ligado aos movementos de crentes de base que pularon pola galeguización da Igrexa, finou este 12 de xuño en Lugo. Será enterrado en Vilalba esta quinta, ás 18h

Sociólogo, crego, escritor, compositor..., din de Bernardo García Cendán que chegaba a todas partes pero que era sinxelo perdoarlle pola súa cordialidade. Formou parte dos movementos de base da Igrexa que levan pulando dende hai décadas pola súa galeguización, con moito esforzo mais con escaso eco da súa mensaxe entre as xerarquías da institución.  Crego e sociólogo, Cendán alentou do espírito renovador impulsado polo Concilio Vaticano II e logo castrado polo papa Wojtyla. Foi fundador da asociación Irimia e da revista Encrucillada, de cuxo consello de redacción formaba parte.

García Cendán naceu en Vilalba en 1941. Imaxe recorrente da súa infancia é a barbería do seu pai, espazo de encontro e coloquio cordial entre xentes de pareceres diversos. Cursou estudos eclesiásticos en Mondoñedo e licenciouse en Filosofía pola Universidade Católica de París e a Pontificia de Salamanca. Na capital francesa tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o maio do 68 e de contactar con emigrantes galeguistas e republicanos.

Foi profesor do Seminario de Mondoñedo e párroco en Ferrol  dende o ano 73 até 87. Viviu de modo intenso a vida sociocultural da cidade, do que dá mostra a súa colaboración na fundación do Ateneo Ferrolán e a escrita do capítulo “Ferrol, estructura e identidade” no terceiro volume de O Feito diferencial galego, editado polo Museo do Pobo Galego en 1991.

Cendán foi tamén profesor da Escola de Teoloxía de Mondoñedo, profesor de Filosofía no Colexio Peleteiro de Santiago e, a partir de 1987, docente do departamento de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela. É coautor dos libros Meudon, une approche pastorale (1970), Catolicismo en España (1985) e Receptividade do galego na liturxia. Foi colaborador, entre outras, das revistas Encrucillada, Lucensia, Guía dos Libros Novos, Tempos Novos e Irimia.

Ademais de escritor, García Cendán tamén foi compositor. Creou varios poemas e cantos para as liturxias das Romaxes de Crentes Galegos, e para outras celebracións litúrxicas, moitas delas recollidas no libro A Terra que canta. Compuxo  ademais, para grupos folk como Fuxan os Ventos ou Saraibas.



x