''Al gallego no hay que darle mayor importancia'', di o concelleiro de Compostela que organiza festexos da Patria

''Al gallego no hay que darle mayor importancia'', di o concelleiro de Compostela que organiza festexos da Patria
[Imaxe: Concello de Santiago]
[Imaxe: Concello de Santiago]  

O responsábel de Festas no Concello compostelán, Francisco Noya, manifestouse desta maneira após ser interpelado polo grupo municipal do Bloque para que nos actos do 25 de Xullo cuxa organización corresponde ao goberno local se empregue a lingua propia e a toponimia oficial



"Al gallego no hay que darle mayor importancia", "ese dia hay muchisimos peregrinos y la mayoria que están en la plaza no son gallegos y vienen a propósito a ver los Fuegos del Apostol" e "si hay una narración será a gusto de la empresa que lo programe". Son as tres declaracións que resumen o desprezo cara á lingua propia da Galiza que manifestou o concelleiro de Festas e Participación cidadá de Compostela, Francisco Noya, de cuxo departamento dependen os actos que o goberno municipal organice co gallo do 25 de Xullo, Día da Patria. 

Noya respondeu así a unha petición formulada polo grupo parlamentar do Bloque en que reclamaba que na narración dos fogos do Apóstolo se empregase non só o galego, senón as formas toponímicas oficiais e que as referenzas históricas incluídas na guionización sexan da historia da Galiza e contadas desde unha óptica propia e non foránea, como aconteceu en 2012. Aliás, a formación nacionalista pediu que se facilitase a participación de empresas galegas de animación audiovisual e pirotecnia. Con todo, aínda que a empresa contratada non fose galega, o capítulo IV do Regulamento do uso do galego do Concello de Compostela sinala que os traballos que o goberno local encargue terán que se realizar neste idioma. 

Reaccións

O propio grupo municipal do Bloque respostou xa ás palabras de Noya. Cualificounas de "falta de respecto á cidadanía" e de "desprezo para o idioma e para o pobo galego", para alén de subliñar que tal manifestación constitúe "máis unha mostra do retroceso evidente nestes dous anos de goberno do PP". 

A Mesa pola Normalización tamén se pronunciou, lamentando máis unha "ostentación de menosprezo" cara á lingua propia por parte do goberno municipal de Compostela, en mans do PPdG e, de maneira retranqueira, a asociación retrúcalle ao concelleiro se a cidadanía compostelá pode tamén acollerse a ese criterio da "importancia" para acatar as normas que promulga o executivo municipal. 

Por derradeiro, a formación independentista compostelá Candidatura do Povo reclamou a demisión do concelleiro ao considerar que as súas declaracións deixan claro que "non reúne as condicións mínimas exixíbeis para desempeñar o seu cargo".



x