Novo proxecto cultural galego en Barcelona

Novo proxecto cultural galego en Barcelona
Música na presentación da ACG de Barcelona
Música na presentación da ACG de Barcelona  
Un grupo de colectivos culturais crean a Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB) e instálanse no Ateneu Roig do barrio de Gràcia. Algúns deles traballaran de xeito voluntario no Centro Galego de Barcelona até o novo cambio de directiva.

Despois duns anos de traballo sociocultural no que participaban persoas ben diversas do ámbito da cultura (artes plásticas, música, teatro) e do ensino galego en Catalunya, o pasado 28 de xaneiro o Centro Galego de Barcelona mudou algo máis do que unha xunta directiva. A centenaria entidade adoptou nas súas actividades, despois dunhas disputadas eleccións nas que gañou unha candidatura máis conservadora, un perfil que non gustou a unha boa parte da nova fornada de creadoras e xente nova. Algunhas decidiron darse de baixa e outras continuaron como socias mais sen participación real na nova programación. Parte deste sector crítico deu paso a un novo proxecto común: un espazo virtual ao que veñen de chamar Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB). Contan, polo de agora, cun blogue e un espazo físico na sede do Ateneu Roig do barrio de Gràcia.
A  ACGB fórmana grupos históricos como o grupo de teatro Furafollas e o proxecto educativo Galauda, xunto con outros máis recentes como o colectivo musical Foliada Intercultural Aberta (FIA), a Ludoteca e o proxecto Conversemos de intercambio lingüístico galego-catalá. Logo da súa presentación o sábado 21, con xantar popular no propio local social e foliada, pensan levar a idea a outras zonas na área metropolitana de Barcelona e xa manteñen contactos con proxectos semellantes en Girona.  

Actividades sociais e culturais
Teñen moi claro que non queren repetir vellos esquemas que consideran caducos no asociacionismo galego en Catalunya. “Estamos abertas a calquera idea”, afirma Xiana Díaz unha das persoas visíbeis do proxecto, “mais non a aceptar, por exemplo, actos relixiosos como unha actividade de cultura galega”. Xosé Manuel Conde, vencellado a Furafollas, pensa que “o novo camiño vai a adaptar pasadas experiencias, como foi a de Rede.cat, a unha realidade social nova”.

Entre os proxectos máis novos que agora participan da ACGB está Conversemos, un espazo de encontro lingüístico que ten como obxectivo axudar na aprendizaxe do galego e do catalán. Traballan coa práctica oral nun contexto real, un modelo diferente ao das clases tradicionais de lingua. Como nos outros casos tamén realizaban as súas actividades no Centro Galego de Barcelona até a entrada da nova directiva.



Participación no Sant Jordi
A ACGB estivo entre as 23 entidades que constitúen a “xarxa d’associacions per la llengua”, coordinada pola Plataforma per la llengua. Para este Sant Jordi o acto central consistiu en participar nun Muralmob, unha acción organizada, onde unha multitude de persoas reuníronse, de forma espontanea, na Plaça dels Angels de Barcelona.

 



x