Saltar ao contido
18:08 h. Sexta feira, 29 de Agosto do 2014

Vota:

Primeiro encontro das direccións do BNG e Anova

Onte decorreu o primeiro encontro das direccións do BNG e Anova. O contato prodúcese a convite do Bloque. O Bloque trasladou a Anova a súa aposta nunha "candidatura de unidade nacionalista" para o Parlamento europeu. BNG e Anova concordaron na necesidade de estabelecer "marcos de colaboración". Despois da presentación da GpS, iniciativa social pola soberanía, continúan, portanto, a moverse as cousas no ámbito do soberanismo galego.

H.V.

O encontro, que se realizou nun hotel compostelán, tivo un marcado carácter reservado e, portanto, non foron convocados os meios. Ambas organizacións -representadas na reunión polos seus líderes Xavier Vence polo BNG e Xosé Manuel Beiras por Anova, que estiveron acompañados de membros das súas respectivas direccións- acordaron o envío dun comunicado á imprensa por volta das 13.30 horas de hoxe.

A reunión prodúcese a convite do BNG, que logo da súa XIV Asemblea Nacional mantivo encontros con distintas organizacións do ámbito do nacionalismo, desde CXG até Causa Galiza e Nós-UP. Esta foi a última das reunións e a demora na súa realización tivo a ver cos prazos da asemblea nacional e co proceso de conformación dos órgaos de dirección de Anova.

O encontro prodúcese nun contexto moi determinado, co soberanismo galego en plena efervescencia. A reunión decorreu apenas 72 horas despois de que un conxunto de cidadás e de cidadáns deste país puxesen en andamento a iniciativa social Galiza pola Soberanía e logo de as organizacións xuvenís nacionalistas, todas agás Anova-Mocidade, acordaren convocar unha marcha conxunta o 24 de Xullo cunha explícita chamada á independencia de Galiza.

Por parte do BNG asistiu á reunión unha representación da súa Executiva Nacional, formada polo portavoz nacional, Xavier Vence; o secretario de Organización, Bieito Lobeira; a secretaria de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín; o secretario de Comunicación, Xosé Antonio Rubal e o secretario de Acción Social, Rafael Vilar. Por parte de Anova estiveron Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional, ben como Luís Eyré, Antón Sánchez e Carlos Meixome.

Unidade de acción do nacionalismo

Nun comunicado, o Bloque afirma que a reunión tiña como propósito "buscar a unidade de acción do nacionalismo como resposta á situación de emerxencia nacional e social que está a vivir Galiza".

O BNG decántase por unha "candidatura de unidade nacionalista" na perspectivas das europeas 2014

Acrecenta ainda o BNG que "na reunión, contrastouse a diagnose de ambas forzas en relación ás agresións que está a sufrir a maioría social como consecuencia da aplicación das políticas da Xunta de Galiza, do Goberno central e da Unión Europea. Agresións que estamos a ver na actualidade nos ataques ao sector naval pola resolución do expediente aberto pola UE ao anterior Tax Lease. Agresións que se manifestan no roubo aos preferentistas, na destrución do noso sistema financeiro e no dramático aumento do paro, da probeza e da exclusión social. Así mesmo, valorouse o proceso de recentralización que está a impulsar o goberno do PP, coa conivencia cómplice de Feijóo, reducindo aínda máis o ámbito de autonomía do goberno galego".

Canles de comunicación estábeis

BNG e Anova valoraron positivamente a "conveniencia" de "estabelecer canles de comunicación estábeis", dentro dos "marcos de colaboración" que entenden ambas forzas deben visar a "unidade de acción".

As eleccións ao Parlamento europeu foi tamén tema sobre o que se debruzaron BNG e Anova. O Bloque mantivo a súa aposta nunha "candidatura de unidade nacionalista".

Anova reafirma a súa aposta na "fronte ampla incluínte"

No seu comunicado, Anova  xulga que a "unidade de acción"  entre as "organizacións nacionalistas e de esquerda"  teñen de se inserir na estratexia de "fronte ampla incluínte" definida "na nosa I Asemblea Nacional". Isto é, Anova condiciona os marcos de colaboración a que non resulten contraditorios coa súa aposta na coligación con Esquerda Unida.

Sobre as eleccións ao Parlamento europeu, Anova é muito menos explícita que o BNG e limítase a consignar terse producido "un intercambio de información sobre o abano de posturas que barallan ambas formacións sobre as eleccións europeas".

Anova informa de que se acordou "trasladar ás direccións respectivas a información e valoracións intercambiadas na xuntanza", ben como tamén "manter novas reunións en datas vindeiras".