O concelleiro de Tráfico de Vilagarcía falará galego "cuando me salga de los puntos suspensivos"

O concelleiro de Tráfico de Vilagarcía falará galego "cuando me salga de los puntos suspensivos"
Imaxe do perfil do Facebook de Dorgambide
Imaxe do perfil do Facebook de Dorgambide  
Manifestouno nun tenso pleno que @s edís do BNG abandonaron após os "desprezos reiterados" cara á lingua galega. Pedían a comparecencia do responsábel da tradución ao castelán dunha peza da banda de música: o concelleiro de Normalización Lingüística


O concelleiro de Tráfico de Vilagarcía, Ángel Benito Dorgambide, falará galego cando lle saia "de los puntos suspensivos".

Espetouno no pleno realizado esta segunda feira, aproveitando unha comparecencia súa para falar do pagamento en zona azul e foi a pinga que fixo rebordar o vaso d@s tres edís do BNG.

Explicou María Villaronga que "levabamos toda a tarde soportando unha actitude chulesca de mofa cara á nosa lingua por parte do alcalde", Tomás Fole (PP), que goberna en coalición con IVIL, cuxo único reprensentante é, precisamente, Dorgambide.

Desde o grupo municipal nacionalista pediron a comparecencia do concelleiro de Cultura, Francisco González, que ten tamén as competencias en Normalización Lingüística e é o responsábel último da tradución ao castelán dunha peza ao castelán por parte da banda municipal de música "para que se entendese mellor".

Alén disto, exixiron tamén unha desculpa por parte do grupo de goberno por empregar "reiteradamente" o español tanto nos plenos como na cartelería. "Hoxe mesmo había un cartaz colocado na porta que explicaba por onde acceder ao pleno en perfecto castelán", subliñou Villaronga.

Con todo, a resposta do rexedor foi insistir "na actitude prepotente e vergoñenta" adoptada desde o inicio do pleno, para aclarar que para o Goberno local "que se traducise a obra non é un feito nada relevante". Tal e como narrou a edil nacionalista, "xogaron coa nosa indignación para se mofaren da lingua galega".

Respecto da intervención de Dorgambide manifestando que "hablo castellano porque quiero y hablaré gallego cuando me salga de los puntos suspensivos", María Villaronga remarcou que "non viña a nada, pois ía falar da zona azul, e é unha mostra de desprezo intolerábel". Por isto, @s tres edís nacionalistas abandonaron a sesión plenaria dunha corporación composta, aliás, por 10 representantes do PP, un de IVIL, 5 do PSOE e 2 de Esquerda Unida. Malia os feitos denunciados, tod@s ficaron dentro.



x