Saltar ao contido
10:00 h. Sexta feira, 31 de Outubro do 2014

Vota:

O PP da Coruña desestima cobrir a praza de xinecoloxía para manter o COF do Ventorrillo

O partido que goberna na Coruña con maioría absoluta impide o debate dunha moción do BNG en que se reclamaba instar o Sergas a non amortizar a vacante para impedir que @s nacionalistas denunciasen en pleno os recortes en políticas de igualdade
B.V
Protesta contra o desmantelamento do COF [SG]
Protesta contra o desmantelamento do COF [SG]


Ao igual que fixera no Parlamento galego, o PP pasou o rodo da súa maioría absoluta tamén no pleno do Concello da Coruña para botar abaixo a petición presentada polo grupo municipal do BNG para instar a consellaría de Sanidade a cubrir a praza vacante de xinecoloxía no centro de orientación familiar do Ventorrillo, un dos dous que funcionan na cidade herculina.

Após a xubilación do médico que prestaba servizos neste centro, o Sergas optou por amortizar a praza, tornando o COF nun dispensario de anticonceptivos ao non poder realizar citoloxías --para evitar que problemáticas puntuais deriven en patoloxías maiores e requiran de atención primaria-- ou colocar os métodos anticonceptivos practicando as correspondentes revisións ao redor de efectos secundarios ou complicacións que poidan xurdir após a súa colocación.

Segundo as recomendacións da Organización mundial da saúde, tomando en conta a poboación e que nestes centros se derivan mulleres de concellos fincados no rural e na contorna da Coruña, a cidade debera contar con polo menos tres COF. Ten dous, e o PP desmantelou o do Ventorrillo. Ambos centros eran os puntos de referencia en materia de anticonceptivos, problemática afectivo-sexual, conflitos de parella, a IVE e incluso á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia machista.

O xaque-mate da Xunta aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres ao non cubrir a praza de xinecoloxía deste COF avoca a que no outro centro, o de Orillamar, dúas xinecólog@s terán que atender pola volta de 152 mil mulleres. A equipa de Orillamar consultaría tamén os homes de entre 15 e 70 anos que así o requiran. A cifra do INE fai referencia a mulleres en idade fértil, de entre 15 e 54 anos, se ben @s traballador@s aseguran que até as instalacións de ambos COF tamén se achegan mulleres de menor idade na procura de información relacionada sobre todo coa interrupción voluntaria do embarazo.

O PP impide o debate dunha moción sobre o 8 de marzo

O emprazamento a instar o Sergas para que non desmantelase o COF era un dos puntos que incluía a moción do BNG a respecto do 8 de marzo, Día internacional das mulleres. Repetindo a postura que manteu co gallo doutras datas sinaladas, como o 25 de novembro, o PP impediu que tal moción se debatese para evitar que a formación frontista denunciase no pleno municipal os recortes do Goberno coruñés en materia de igualdade e loita contra a violencia machista.

No canto de permitir o debate, o rexedor Carlos Negreira preferiu dar leitura a un comunicado institucional que non foi acordado co conxunto da corporación e que a oposición cualificou de "farsa". No seu texto, @s nacionalistas pedían un posicionamento contra a Lei do aborto, que se cumpran as medidas do II Plan para a promoción da equidade entre mulleres e homes e que o Concello desenvolva as accións necesarias para eliminar a desigualdade social e laboral que carrexan as mulleres da Coruña.