Saltar ao contido
12:10 h. Segunda feira, 22 de Setembro do 2014

Vota:

Estudantes de Arquitectura boicotean un acto de Pilar Rojo e entréganlle "nun sobre" un manifesto contra os recortes

A presidenta do Parlamento mudou o galego polo castelán para inaugurar unha exposición perante alumnado de Franza e Alemaña, empregando incluso a forma deturpada 'La Coruña' para ubicar @s visitantes
B.V


O alumnado da Escola técnica superior de arquitectura da Coruña, que se mobiliza baixo as siglas da Acampada-ETSAC, boicotearon o acto de presentación da exposición A arquitectura do Parlamento de Galicia de cuxa presentación se encargaban a presidenta da Cámara galega, Pilar Rojo, e a vicerreitora da UdC, Natalia Álvarez.

Erguendo carteis en que podía lerse 'Os vosos sobres, os nosos recortes' e 'Menos PPropaganda e máis educación', un nutrido grupo de estudantes interrompeu a intervención de Rojo. Após pediren a palabra, explicáronlle que "estamos totalmente en contra dos recortes devastadores emprendidos polo seu partido, en especial os referentes á educación". Acto seguido, fixéronlle entrega do manifesto da Acampada-ETSAC "nun sobre, por se lle resulta máis cómodo".

Con cara de abraio, a presidenta da Cámara dispúñase a continuar co acto mais non lle foi posíbel. Os lemas escritos tornáronse berro. Abandonou a sala e ficou pechada no despacho de dirección durante uns vinte minutos, até que @s alumn@s marcharon.

Previamente, nun discurso de benvida en que mudou o galego polo castelán pola presenza de estudantado das escolas técnicas de Clermont Ferrand (Francia) e Regensburg (Alemaña), Rojo empregou até o topónimo deturpado da cidade para ubicar @s visitantes e manifestar o seu convencemento en que "disfrutarán de su estancia en Galicia y la colaboración con la escuela de arquitectura de La Coruña sea de lo más provechosa".